Vimianzo acollerá un novo simposio sobre o megalitismo

simposio megalitismo

Desenvolverase os vindeiros 2, 3 e 4 de setembro na Casa da Cultura de Vimianzo.

presentacion

Na presentación participaron o alcalde do Concello de Vimianzo, Manuel Antelo, o catedrático da USC Antón Rodríguez Casal, coordinador científico do Simposio, Xosé María Lema, presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte e Marta Rei, concelleira de Cultura, Deportes e Mocidade do Concello de Vimianzo.

Dez anos depois do desenvolvemento da primeira edición do Simposio é preciso voltar a repensar o coñecemento e a divulgación do patrimonio magalítico e da súa posta en valor como elemento favorecedor do contexto socioeconómico.

Vimianzo é o lugar ideal para desenvolver esta segunda edición, pois é un concello que concentra máis de 200 xacementos megalíticos, algúns de enorme importancia como a Pedra da Arca, a Casota de Freáns ou Pedra Cuberta.

Nesta edición do Simposio analizaranse os monumentos, as intervencións que se levaron a cabo nos mesmos, e as novas tecnoloxías que nos poden achegar novas visións e interpretacións.

(www.vimianzo.gal)

simposio megalitismo

PROGRAMA

II SIMPOSIO

O MEGALITISMO DA COSTA DA MORTE NO SEU CONTEXTO ATLÁNTICO

DA ARQUEOLOXÍA Á PROMOCIÓN TURÍSTICA

Casa da Cultura de Vimianzo

2,3 e 4 de setembro

Venres 2 de setembro

 16.00 h Entrega de documentación

 16.30 h Inauguración oficial do Simposio e da exposición

 17.00 h Conferencia inaugural: Ramón Fábregas Valcarce (Universidade de Santiago de Compostela). O megalitismo galego, hoxe

 18.00 h Xosé Mª Lema Suárez (Presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte): Camiñando entre dolmens. Roteiro das antas no seu contexto natural, históricoartístico e cultural da Costa da Morte.

 19.00 h Manuel Lestón Gómez (Servicios de arqueoloxía Arkaios S.L.): O dolmen de Dombate como paradigma: das últimas intervencións arqueolóxicas á musealización.

 20.00 h Mar Llinares García (Universidade de Santiago de Compostela): A mitoloxía popular e os monumentos megalíticos

Sábado 3 de setembro

 10.00 h Miguel Carrero Pazos, Alia Vázquez Martínez e Benito Vilas Estévez (Universidade de Santiago de Compostela): Novas propostas para o estudo do Megalitismo: Arqueoloxía espacial, fotogrametría, modelado 3D e arqueoastronomía.

 12.00 h Fernando Carrera Ramírez (Universidade de Vigo): As pinturas nos monumentos megalíticos da Costa da Morte: riqueza ou pobreza?

 13.00 h Antón A. Rodríguez Casal (Universidade de Santiago de Compostela): Estelas, ídolos e menhires: a escultura megalítica como imaxe apotropaica.

 16.00 h Goreti Sousa (Escola Superior Gallaecia, Vila Nova de Cerveira): O megalitismo da rexión galaico-portuguesa do Miño.

 17.00 h Mesa redonda: O Patrimonio megalítico da Costa da Morte a debate. Da arqueoloxía á promoción turística Manuel Antelo (Alcalde), Xosé Mª Lema (Seminario de Estudos Comarcais), César Abella (Trivium ECT Turismo e xestión cultural), Representante da Deputación da Coruña, Representante da Xunta de Galicia Moderador: Xan Fernández Carrera (Seminario de Estudos Comarcais)

 18.00 h: Conclusións e peche

Domingo 4 de setembro

 Visita arqueolóxica polas principais antas con recital poético

Organiza: Concello de Vimianzo, Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, Universidade de Santiago de Compostela Colabora: Centro de Formación e Recursos da Coruña Coordinador científico: Antón Abel Rodríguez Casal

Datas importantes da historia de Alemaña

Xosé María Lema Suárez

Nome oficial: Bundesrepublik Deutschland (‘República Federal Alemá’)

Composta por 16 Estados libres federados (Bundesländer). Capital Berlín.

Poboación: 82 millóns de hab.

Idioma maioritario: o alemán, pero tamén se falan e oficialmente están protexidos, o danés, o sorabo, o romaní e o frisón. O alemán fálase fóra das fronteiras da república (en Austria e no norte de Suíza, e tamén no norte de Italia (Alto Adige ou Tirol do Sur, con capital en Bolzano/Bolzen); o alsaciano considérase un dialecto alemán, aínda que tamén o alemán que se fala en Austria e, sobre todo, en Suíza, se poden considerar dialectos polo difícil que lles resulta ós falantes do alemán oficial a súa comprensión.

As linguas estranxeiras máis usadas no país son o turco, o polaco, os idiomas eslavos balcánicos e o ruso.

O alemán estándar é unha lingua xermánica occidental estreitamente relacionada co inglés, o neerlandés, o flamengo, o luxemburgués e o sueco.

En total, teñen o alemán como idioma nativo arredor de 100 millóns de persoas, case todas na UE, onde é un dos 23 idiomas oficiais e un dos tres de traballo (xunto co inglés e o francés). Dentro da UE o alemán conta con máis millóns de falantes có inglés e có francés (e có italiano e o castelán). No conxunto de Europa supérao o ruso. Segundo as estatísticas, máis do 67 % dos alemáns é capaz de de entenderse noutro idioma (sobre todo o inglés).

Xentilicio: alemán (utilizado por españois, portugueses, franceses < alamáns, tribo xermánica do sur, en contacto cos romanos); xermano (polos ingleses: ‘German’); tedesco (italianos); Deustch (os propios alemáns).

 

DATAS
  PALEOLÍTICO
Desde hai 600.000 anos a 200.000 anos Home de Heidelberg (especie extinguida dunha forma primitiva de homo sapiens); individuos alto (1,80 m) e moi fortes (100 kg)
Desde hai 230.000 anos a 28.000 anos Home de Neanderthal (restos achados en 1856 na cova de Feldhofer, no val de Neander, preto de Düsselforf)
  NEOLÍTICO
1.800-400 a.C. Os pobos celtas do sur de Alemaña e Austria desenvolveron a técnica do traballo do metal, configurando varias culturas (campos de urnas, Hallstatt e La Téne) que se difundiron por toda Europa; disque foron os destas últimas culturas os que introduciron o uso do ferro. A cultura dos celtas acabouse fundindo coa dos pobos xermanos.
750 a.C. Posibles orixes da lingua protoxermánica
Séc. I a.C. Expansión cara ó sur das tribos xermánicas –de maior homoxeneidade idiomática (indoeuropea) que étnica- do norte de Alemaña e do sur de Escandinavia, entrando en contacto coas lexións romanas
Ano 0 ERA CRISTIÁ
9 d.C. Tres lexións romanas dirixidas por Varo foron aniquiladas por Arminio, xefe dos que-ruscos,  na batalla do bosque de Teotoburgo è os romanos non van tratar de conquistar máis territorio, de xeito que a fronteira co Imperio vai quedar establecida permanentemente nas marxes do Rin e do Danubio.
Séc. I Os cronistas romanos clasifican tres grupos de pobos xermánicos: oriental (vándalos, burgundios, godos etc.), setentrional (os de Escandinavia) e occidental (queruscos, francos, frisóns, saxóns, suevos, lombardos, alamáns, turinxios  etc.).
Ca. 98 De origine et situ Germanorum («Sobre a orixe e territorio dos germanos»), tamén coñecido como Xermania, obra do historiador romano Tácito que describe os xermanos e o seu país en base ós testemuños de lexionarios, mercadores e viaxeiros. Malia que os considera primitivos, expresa a súa admiración polos valores destes pobos (austeri-dade, dignidade, valor militar), pero tamén critica a súa afección á bebida e ó xogo, a súa tendencia á inactividade en tempo de paz e a súa terrible indisciplina militar.
Séc. III Xurdimento de gran número de tribos xermánicas no oeste: os alamáns, francos, frisóns e turinxios, pobos que inician o período das grandes migracións ou invasións bárbaras traspasando a fronteira norte do Imperio romano.
SÉCULOS V-XV IDADE MEDIA
Séculos IV-V Invasións xermánicas (=bárbaras) no Imperio romano, motivadas polos cambios climá-ticos desfavorables, as crises de subsistencia, o incremento demográfico, o empuxe dos hunos etc.: cruzan a fronteira do Rin, entre outros, os ostrogodos (godos do leste), os visigodos (godos do oeste), os vándalos, os alanos e o suevos.
411 Os suevos (procedentes da Suabia) atravesan a Galia e entran en Hispania no 409; instálanse na provincia de Gallaecia (NO. da península Ibérica) e fundan o reino suevo, o primeiro reino independente do Imperio romano tras a súa desmembración, que durou máis de 175 anos (do 411 ó 585)
415 O visigodo Ataúlfo casa con Gala Placidia, irmá do emperador romano Honorio, e funda o reino visigodo, con capital en Tolosa (Toulouse) [419-507].
429 Os vándalos, que tamén trataran de se instalar en Hispania, atravesan o estreito de Gibraltar e o seu rei Xenserico funda un reino no norte de África., que se vai dedicar á piratería.
Ca. 450 Tribos xermanas do norte (xutos, anglos, saxóns) desembarcan nas Illas Británicas e relegan os britanos ás “fisterras” (Escocia, Gales, Cornualles). Época da lenda do rei Artur. Parte destes britanos emigran á Armórica (Bretaña francesa) e ó norte da Gallaecia (o bispo Maeloc e a diocese de Britonia).
451 Meroveo, rei dos francos, derrota a Atila nos Campos Cataláunicos (preto de Châlons-en-Champagne, norte de Francia).
482-511 Reino franco de Clodoveo (Clovis), que se instala no norte da Galia (actual Francia e Países Baixos) e acaba cos restos do dominio romano occidental.
493-553 Reino ostrogodo de Italia
714-741 O franco Carlos Martel somete as tribos xermanas dos alamáns e turinxios e loita contra os saxóns; os bávaros perden a súa independencia.
732 Carlos Martel frea a invasión musulmá en Poitiers
751 O papa Estevo II pide axuda ó rei franco Pipino II o Breve contra o rei lombardo Astolfo, e pon a Roma baixo a protección do rei franco, que recibe o título de Patricius Romanorum (‘Protector dos romanos’). Pipino faralle ó papa doazón do ducado de Roma (a Doazón de Pipino), orixe do Estado Pontificio.
768-814 Reinado de Carlomagno, fillo de Pipino
772-814 Carlomagno vence os saxóns (xermanos do oeste, de Saxonia) e sométeos, aínda que estes se rebelarían en moitas ocasións.
773-774 Carlomagno conquista o reino lombardo, proclámase “rei dos francos e dos lombardos” e confirma a doazón de Pipino.
798 Con máis guerras contra os saxóns, eslavos e ávaros, Carlomagno logra a incorporación ó Imperio carolinxio do territorio comprendido entre a desembocadura do río Oder (norte de Alemaña) e o Adriático
800 O papa León III coroa emperador a Carlomagno (Romanum gobernans Imperium).
812 Tratado de Aquisgrán (actual Aachen): Miguel I, emperador de Oriente, recoñece a Carlomagno como emperador de Occidente.

Carlomagno aconsella ó seu fillo Ludovico que non se deixe coroar polo papa, senón que colla a coroa por si mesmo (a Deo coronatus), seguindo a tradición bizantina.

814 Morte de Carlomagno
814-840 Ludovico Pío (Luís o Piadoso)  consinte que o papa Estevo IV o coroe en Reims, o que supón que só o papa pode outorgar a dignidade imperial
817 “Ordinatio imperii”: a dignidade imperial será herdada polo primoxénito de Ludovico (Lotario, que xa estaba asociado á coroa); os fillos menores, en calidade de subordinados ó emperador, reciben o goberno dos reinos de Aquitania (Pipino) e de Baviera (Luís o Xermánico)
829 Malia que no acordo se facía constar que non habería novas divisións, o propio Ludovico creou o reino de Alamania para o seu fillo Carlos o Calvo.
830 Por esta razón, 1ª rebelión dos fillos de Ludovico (Pipino, Luís e Lotario, que se fixera coroar no 823 emperador de Roma, con xuramento de fidelidade ó papa).
838 Carlos o Calvo herda Aquitania á morte de Pipino.
840 Guerra fratricida: Luís o Xermánico e Carlos o Calvo contra Lotario (derrotado no 841 na batalla de Fontenoy)
842 Xuramento de Estrasburgo entre Luís o Xermánico e Carlos o Calvo (o máis antigo documento que se conserva redactado en antigo alemán e antigo franco)
ORIXES PRIMIXENIAS DOS REINOS DE FRANCIA E ALEMAÑA
843 Tratado de Verdún: división do Imperio carolinxio en tres reinos: o emperador Lotario I recibe a parte central (a Lotarinxia, do mar do Norte á metade norte de Italia, coas cidades imperiais de Aquisgrán e Roma); Luís o Xermánico a parte oriental (orixe da actual Alemaña) e Carlos o Calvo a occidental (orixe da actual Francia). Só formalmente se conserva a unidade do Imperio.
Entre os fillos e netos destes reis seguirán habendo loitas e as fronteiras destes reinos variarán con moita frecuencia; nunca foron estables, como é lóxico.
919-1024 ÉPOCA DOS EMPERADORES SAXÓNS
910 Fundación da abadía de Cluny
919-936 Henrique I, rei dos francos e dos saxóns
936-973 Otón I o Grande
962 Otón I o Grande é coroado emperador en Roma do Sacro Imperio R.X.
962-1806 SACRO IMPERIO ROMANO XERMÁNICO
973-983 Otón II
983-1002 Otón III, que intenta no 996 reconstruír o Imperio de Carlomagno
1002-1024 Henrique II o Santo, que fora elixido emperador porque se sabía que non podería fundar unha dinastía (era impotente: mantivo coa súa muller, santa Cunegunda de Luxemburgo, un matrimonio ‘branco’, e tal castidade forzosa valeríalle para a súa posterior canonización). Así e todo, disque someteu a súa muller a unha ordalía –facéndoa camiñar descalza sobre ascuas- porque sospeitaba da súa infidelidade.
1007 Fundación do bispado de Bamberg, cidade protexida polo emperador Henrique, para a evanxelización dos eslavos do río Meno (Main).
1024-1125 OS EMPERADORES SÁLICOS
1024-1039 Herda o imperio Conrado II, neto de Conrado o Roxo de Lorena
1033 Incorporación do reino de Borgoña ó Sacro Imperio, por herdanza (ó que se opoñen os señores feudais borgoñóns).
1039-1056 Herique III, coroado emperador en 1047
1056-1106 Henrique IV, que no 1075 logra someter os saxóns, sempre en rebeldía.
1074 O papa Gregorio VII (o monxe Hildebrando, de Cluny, de carácter austero), tras un Concilio en Roma, sanciona a imposición do celibato ós cregos.
1075 Novo concilio romano: prohíbese que os cregos reciban cargos dos laicos: inicio da loita das Investiduras entre o papado e o Imperio Xermánico. O papa Gregorio VII ameaza ó emperador Henrique IV coa excomuñón.
1076 Sínodo de Worms: Henrique IV e os bispos alemáns declaran deposto o papa.

Concilio lateranense: Gregorio VII depón e excomunga o emperador, liberando os seus súbditos do xuramento de fidelidade.

1077 Ante a rebelión dos seus súbditos, o emperador atravesa os Alpes en inverno e permanece tras días descalzo ante o castelo de Canosa (onde estaba o papa refuxiado) para implorar o seu perdón; obteno tras prometer a arbitraxe papal en todos os conflitos
1080 O emperador incumpre a palabra e faise coroar emperador polo antipapa Guiberto de Rávena.

-O emperador acosa a Gregorio VII, refuxiado no Castel de Sant’Angelo en Roma; liberáno os normandos de Roberto Guiscardo, refuxiándose en Salerno, onde morre, consciente de ter fracasado no intento de subordinar a Igrexa e o Imperio á autoridade papa (deste xeito, subsiste a doutrina da orixe divina do poder imperial).

1122 Concordato de Worms entre Henrique V e o papa Calisto II, que dá fin á 1ª fase da loita das Investiduras: o emperador renuncia a conceder a investidura espiritual representada polo báculo e o anel (para bispos e abades, dignidades canónicas reservadas ó papa), pero si outorgará a investidura temporal representada polo cetro e a espada (bens cedidos en feudo).
1125-1137 Morre o emperador Lotario II e empezan as loitas entre os güelfos de Saxonia (partidarios da Casa de Baviera e do Pontificado) e os xibelinos (da Casa de Suabia e do emperador)
1137-1254 O IMPERIO DOS HOHENSTAUFEN
1152-1190 Frederico I Barbarroxa, da dinastía suaba dos Hohenstaufen, pretende instaurar un gran Imperio de Occidente con capital en Roma, pero recibe a oposición do papa Alexandre III è sucédense moitas guerras en Italia (ata seis ou sete campañas) entre os partidarios do papa (güelfos) e do emperador (xibelinos)
1188 Dieta de Worms: o emperador Frederico I emprende a 3ª Cruzada, morrendo en San Xoán de Acre en 1191.
1209 Otón IV nomeado emperador, pero é excomungado polo papa Inocencio III, que coroa a Frederico II, educado baixo a súa tutela
1250 Continúan as loitas dinásticas. En 1250 morre Frederico II na Puglia (Italia).
1250-54 Reinado de Conrado IV, pero more nunha batalla e con el rematan os Hohenstaufen è empeza un período de interregno, sendo un dos aspirantes á coroa imperial alemá Afonso X o Sabio de Castela, por ser fillo de Beatriz de Suabia.
1273-1356 INÍCIASE O PERÍODO DO IMPERIO ELECTIVO XERMÁNICO
1257 Dobre elección de Afonso X de Castela e de Ricardo de Cornualles è acórdase instaurar un sistema electivo: a) formación dunha orde de príncipes electores (3 eclesiásticos e 4 leigos); b) renuncia do Sacro Imperio Xermánico á política italiana e á idea dun Imperio universal.

-máis adiante, cunha nova Constitución imperial, favorécese a elección dos candidatos das casas de Luxemburgo e, despois de 1417, a de Habsburgo austríaca para asegurar o dualismo do Estado: a división do poder entre o emperador e o Imperio; refórzase a influencia leiga para evitar a inxerencia do papa na elección do emperador (segundo a Bula de Ouro, de 1356, o papa só poderá elixir “o rei dos romanos” designado polos electores).

LIGA DAS CIDADES XERMANAS MERIDIONAIS
1254 Liga das cidades renanas (para asegurar a tregua no interregno)
1376 Liga das cidades suabas
1389 Paz xeral de Eger e renuncia ás Ligas e fin da política independente das cidades meridionais
PROXECTO DUN IMPERIO PANESLAVO
1373-1419 Wenceslao, rei de Bohemia, goberna despoticamente. Contra el organízase a Liga dos Cabaleiros
1410-1437 Sexismundo de Luxemburgo logra coroarse emperador
1414-18 Concilio de Constanza, convocado polo emperador Sexismundo para acabar coa división da Igrexa: persistía o Cisma de Occidente (desde 1378), división Aviñón-Roma (chegou a haber ata tres  papas)
1415 Execución de Jan Hus, reformista bohemio, e rebelión violenta do catolicismo bohemio contra a Igrexa Católica e o Sacro Imperio Xermánico (rebelión antixermánica dos checos).
1419 1ª Defenestración de Praga e división dos husitas en utraquistas e taboritas.
O IMPERIO MUNDIAL DOS HABSBURGO
1438-39 Extinta a dinastía de Luxemburgo, cinxe a coroa xermana Alberte II, da casa de Habsburgo, austríaca
1440-93 Frederico III, emperador
1477 Os Habsburgo adquiren o ducado de Borgoña
1491 Acordo hereditario dos Habsburgo con Bohemia e Moravia
1493-1519 Maximiliano I de Austria (Habsburgo), emperador dun amplísimo territorio: Países Baixos, Lorena-Palatinado, Borgoña, toda a actual Alemaña e boa parte de Polonia, Bohemia, Moravia, Baden-Würtemberg, Baviera, Austria….
1496 Filipe o Fermoso (natural de Bruxas), fillo de Maximiliano, casa coa infanta Juana de Castela e introduce neste reino a Casa de Habsbrugo en 1506
1495-1521 Diversas Dietas (Worms, Colonia…) intentan dar unha Constitución imperial para evitar o fraccionamento territorial
SÉCULOS XVI-XVIII IDADE MODERNA
1500 Nace en Gante (Flandres) o príncipe Carlos, fillo de Filipe o Fermoso e de Juana de Castela.
1517 O 18-09 desembarca en Villaviciosa (Asturias) o príncipe flamengo Carlos de Habsburgo, Carlos de Gante, herdeiro das coroas de Castela (tras a abdicación de súa nai, recluída nun convento en Tordesillas) e Aragón (tras a morte do seu avó Fernando  o Católico (1516).

O 31-10 Martiño Lutero fixa na igrexa de Wittenberg as 95 teses contra as indulxencias.

1518 Morre o cardeal Cisneros, rexente de Castela. Na 1ª sesión das Cortes de Castela esixíuselle a Carlos, para ser recoñecido rei, “el respeto a las leyes de Castilla y que aprendiese el castellano”. El accedeu, pero a cambio dun crédito de 600.000 ducados. No reino de Aragón as negociacións aínda foron máis arduas.
1519 Morre Maximiliano de Austria e o seu neto Carlos postúlase como emperador do Sacro Imperio Xermano, cousa que logra mediante subornos ós electores e certas concesións (os banqueiros Fugger de Augsburgo financian a súa elección a cambio  do monopolio das minas de mercurio de Almadén).
1520 Despois de conseguir financiamento nas Cortes de Santiago e A Coruña para para a súa elección (400 mil ducados) o rei Carlos I embarca na Coruña para ser coroado emperador.

-23-10: Carlos de Gante foi coroado en Aquisgrán emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico co nome de Carlos V, como é coñecido na historia europea. Tiña 20 anos e era o rei máis poderoso de Europa.

1521 Batalla de Villalar (Valladolid), onde as tropas imperiais fieis a Carlos I vencen ás das Comunidades de Castela (os xefes casteláns Padilla, Bravo e Maldonado foron executados).

Edicto de Worms, co que Carlos V pretendía acabar coa disidencia de Lutero declarándoo herexe.

1526 Dieta de Spira, que consagraba a relativa tolerancia relixiosa entre protestantes e católicos baixo o lema “Cuius regio, eius religio”.
1529 Nova Dieta de Spira: ante a intención dos católicos de anularen a tolerancia relixiosa, os luteranos protestaron è serán chamados ‘protestantes’
1530 25-6: Confesión de Augsburgo: declaración de fe dos reformistas luteranos ante o emperador Carlos V dos líderes luteranos (Philip Melanchton), coa aprobación de M. Lutero e asinada por sete príncipes alemáns.

-3-8: os teólogos católicos refutan a doutrina luterana.

1532 Paz ou tregua de Núremberg entre o emperador e os líderes protestantes.
1545 Dieta de Worms: os estados protestantes alemáns néganse a asistir ó Concilio de Trento (1545-1563)
1547 Batalla de Mühlberg: Carlos V vence o exército protestante da Liga de Esmalcalda; vitoria pírrica, pois non logra conter o protestantismo.
1552 Fúndase en Roma o Collegium Germanicum, dedicado a formar sacerdotes alemáns para introducir a Contrarreforma.
1555 Paz de Augsburgo, que proclama a liberdade relixiosa nos Estados alemáns e consagra a excisión do cristianismo de Occidente.
1556 Carlos V abdica e retírase ó mosteiro de Yuste (Estremadura): lega ó seu fillo Filipe II a coroa de España (Castela e Aragón), as posesións italianas, os estados da Casa de Borgoña e os territorios do Novo Mundo; ó seu irmán Fernando cédelle o Imperio alemán e os territorios austríacos.
1555-1564 O emperador Fernando I procura manter a paz relixiosa. Fracasa na súa tentativa de unificación confesional.
1563 Iníciase a Contrarreforma en Baviera (baluarte do catolicismo alemán). Xesuítas como san Pedro Canisio (o segundo apóstolo de Alemaña) van ser fundamentais neste propósito.
1564-1576 Maximiliano II prohíbe a publicación dos decretos do Concilio de Trento e declárase neutral en materia confesional. O protestantismo segue espallándose polo norte do Imperio.
1576-1612 Rodolfo II, educado en España polos xesuítas, introduce a Contrarreforma nos dominios da casa de Habsburgo. Vive en Praga como un misántropo, e rodéase de alquimistas e astrónomos (Kepler, Ticho Brahe).
1583 Triunfo da facción católica en Colonia: o arcebispo, convertido ó protestantismo, é expulsado da cidade.
1596 Persecución de protestantes en Estiria, por orde do arquiduque Fernando.
1609 O rei Maximiliano I de Baviera funda a Liga Católica co apoio de España.
1618 2ª Defenestración de Praga, chispa que deu orixe á Guerra dos Trinta Anos: ó ser proclamado rei de Bohemia Fernando de Estiria, xefe da Liga Católica, os protestantes checos lanzaron polas ventás do pazo imperial a dous funcionarios católicos do rei. Cando Fernando II foi proclamado emperador, os bohemios escolleron como rei o elector palatino Frederico V, calvinista e xefe dos protestantes.
1618-1648 Guerra dos Trinta Anos, que afectou sobre todo ó Imperio alemán. Causas:

A) relixiosas: intento do emperador Fernando II de impoñer o catolicismo; loitas relixiosas en Bohemia.

B) Políticas: intento do mesmo emperador en transformar en hereditario o Imperio alemán, que era electivo; rivalidade entre o emperador e varios príncipes alemáns.

C) Intento de Francia de arruinar a Casa de Austria (Habsburgo) e restablecer o equilibrio europeo.

D) Rivalidade comercial no mar Báltico dos alemáns cos dinamarqueses e suecos.

1648 Paz de Westfalia: no último período da Guerra dos Trinta Anos (o período francés), Francia entrou na guerra a favor dos protestantes e a loita estendeuse dos Pireneos ó Báltico. Os terzos españois foron vencidos en Flandres na batalla de Rocroi (1643), e o emperador Fernando III, ante o perigo de que as tropas francesas (Luís XIII, cardeal Richelieu) tomasen Viena en 1648, asinou a paz.
1648 Consecuencias da Paz de Westfalia:

a) o emperador de Alemaña recoñeceu que os 335 príncipes do seu Imperio eran soberanos en cada un dos seus estados confederados;

b) estableceuse a completa liberdade relixiosa en Alemaña;

c) Suecia e Dinamarca ampliaron os seus territorios a custa do Imperio alemán;

d) Alemaña devolveu a Francia Alsacia e Lorena;

e) A Confederación Helvética (Suíza) e os Países Baixos (Holanda) sepáranse do Imperio e independízanse;

f)  desaparece a hexemonía dos Habsburgo en Europa, e tamén marca a fin da hexemonía española en Europa.

Despois de 1648 Despois de Westfalia: O Imperio alemán componse de 335 territorios soberanos con órganos de goberno repartidos entre o emperador e o Imperio: Chancelería da Corte en Viena; Chancelería imperial en Maguncia (Mainz), p.ex.  A Dieta imperial (desde 1663 en Ratisbona) permanente é unha asemblea articulada en tres grupos:  8 príncipes electores; 165 príncipes non electores; 61 cidades imperiais. Só para a guerra se prevía un exército imperial (improvisado). O emperador só era un señor territorial máis.
1640-1688 O Gran Elector Frederico Guillerme (da casa de Hohenzollern) crea o Estado prusiano, no norte de Alemaña (estados de Brandenburgo e Prusia), con capital en Berlín.
1669 Austria afírmase como gran potencia, obtendo dos turcos toda Hungría e Transilvania.
1700-1740 Créase a monarquía dualista austro-húngara, e Viena convértese na capital do novo imperio Austro-Húngaro
1711-1740 1713: Carlos VI rei de Austria tras renunciar ás súas pretensións ó trono de España (Guerra de Sucesión española 1700-1713) asina o Tratado de Utrech.

-o non ter sucesión masculina, publicou a Pragmática Sanción (1713) para asegurar o trono para a súa filla María Teresa

1740-48 Guerra de Sucesión austríaca, provocada pola invasión de Silesia de Frederico II de Prusia. Na Paz de Aquisgrán (1748) sería recoñecida no trono imperial, pero Austria entregou Silesia a Prusia.
1789 Iníciase a Revolución francesa, que, pola súa oposición ó absolutismo monárquico, chocará cos imperios alemán e austríaco.
1792 Invasión de Francia por tropas austroprusianas contra os revolucionarios franceses. Vitoria francesa en Valmy e retirada do exército invasor
1800 Napoleón derrota o exército austríaco en Marengo
1805 Napoleón atravesa o Rin, vence o exército austríaco en Ulm e ocupa Viena. Na batalla de Austerlitz vence a austríacos e rusos.
IDADE CONTEMPORÁNEA
FIN DO SACRO IMPERIO ROMANO XERMÁNICO è CONFEDERACIÓN DO RIN
1806 Confederación do Rin, protectorado francés que supón o desmembramento do Imperio alemán.

-6-8: presionado por Napoleón, Francisco II renuncia á coroa imperial, o que supón o remate do Sacro Imperio Romano Xermánico.

outubro 1806: Napoleón vence os prusianos en Jena e entra en Berlín.

1813-15 A loita contra os exércitos imperiais de Napoleón van facer espertar o nacionalismo alemán è toda Europa aliada contra el: desde Gran Bretaña e España a Rusia.
1814 6-4: tras seren derrotadas as tropas francesas en Rusia e en España (en Galicia xa o foran en xuño de 1809), Napoleón abdica e será recluído na illa de Elba.
1815 Marzo: Napoleón desembarca en Cannes e inicia o Imperio dos Cen Días.
1815 18-6: batalla de Waterloo: Napoleón é vencido definitivamente por unha coalición internacional (prusianos, austríacos, británicos) ó mando do duque de Wellington.
CONFEDERACIÓN XERMÁNICA
1815 set. 1815: créase en Viena a Santa Alianza, intento dos monarcas absolutistas de Rusia (ortodoxo), de Prusia (protestante) e de Austria (católico) de erradicar o liberalismo e volver á monarquía absoluta.

– neste congreso tamén se constitúe a Confederación Xermánica, creada para manter a integridade dos estados alemáns: 39 estados soberanos cun imperio (Austria) e cinco reinos (Prusia, Baviera, Württemberg, Saxonia e Hannover); ten unha Dieta (congreso) con sede en Fránkfurt. Cada un destes estados (Land) tiña leis e sistemas de gobernos propios, pero existía unha forte conciencia, nacida nas guerras napoleónicas e estimulada por intelectuais (Fichte, Hegel, Ranke) de formar parte dunha única nación: a nación alemá (idea romántica e historicista de nación, que existe aínda que o pobo non teña conciencia diso: unha mesma historia, unha mesma lingua, unha mesma idiosincrasia…). Este tipo de nacionalismo oponse ó da revolución francesa (nación = pobo).

1816 Nace en Tréveris (Trier) Karl Marx, creador do marxismo.
1831 Morre W.F. Hegel, o pensador máis importante da época e representante do “idealismo alemán”. O seu pensamento influirán en Karl Marx e no materialismo histórico.
1834 Créase a Deutscher Zollverein (‘Unión aduaneira alemá’), baixo a presidencia de Prusia, que abarca a 25 millóns de persoas e supón unha etapa previa á unificación política.
1840 Morre Frederico Guillerme III de Prusia, que se aferrara ós principios da Sta. Alianza (perseguiu os liberais, suspendeu reformas constitucionais, aprazou o decreto de abolición da servidume dos labregos etc.)
1840-1861 Frederico Guillerme IV de Prusia amnistía os perseguidos políticos e pon fin ás desordes católicas de Colonia iniciadas en 1837 (conflito co estado prusiano polos matrimonios mixtos; os bispos católicos opoñíanse á secularización e propugnaban o control relixioso da educación).
1848 Revolución de marzo. Enfrontamentos entre obreiros e militares en Berlín (barricadas). F. Guillerme IV acaba prometendo unha Constitución.

-tamén houbo levantamentos en Viena, e o príncipe Metternich ten que fuxir.

-Marx e Engels publican o Manifesto Comunista.

A UNIFICACIÓN ALEMÁ
1862 O rei Guillermo I de Prusia nomea Primeiro Ministro a Otto von Bismarck, o chanceler de ferro, que fortalece o exército e inicia a época do militarismo xermánico con miras a lograr a unificación alemá combinando a guerra e a diplomacia.
1864 Guerra dos Ducados: Austria e Prusia, aliados, eliminan no ducado de Holstein a administración danesa e anexionan á Confederación Xermánica o ducado de Schlewig, territorio danés habitado por alemáns.
1866 Guerra contra Austria. A derrota austríaca permitiría excluír Austria da unificación; disólvese a Confederación Xermánica e créase a Confederación alemá do Norte, presidida polo rei prusiano.
1870 Guerra franco-prusiana, provocada para estimular o patriotismo alemán fronte a un inimigo secular (lembranzas da invasión napoleónica). Vitoria dos prusianos en Sedán e anexión de Alsacia e Lorena, cunha poboación falante dun dialecto alemán, o alsaciano.
II IMPERIO (REICH) ALEMÁN (1871-1918)
1871 Proclamación do II Reich alemán: unha alianza de monarcas (Luís II de Baviera entre eles) que recoñecen a preeminencia do rei de Prusia Guillerme I, convertido en káiser ‘emperador’. (En 1861 Italia lograra a súa unificación, con Vítor Manuel II, rei do Piemonte, como soberano)

Lógrase por fin a ansiada unificación alemá, pero con moitos matices. O modelo político foi unha monarquía constitucional confederal, conservando os antigos Estados unha grande autonomía interna (sobre todo aqueles que achegasen axuda financeira; Baviera e Würtemberg teñen o privilexio do exército, correos e impostos propios. O poder central controla o exército, as aduanas, o comercio e as comunicacións. O órgano supremo do Reich é o Consello Federal (Bundesrat) con poder lexislativo e dereito a control (o seu presidente é o rei de Prusia, xefe supremo do exército, é quen nomea o chanceler (1º Ministro), que só é responsable ante o emperador.

O Reichtag (Parlamento) é elixido por sufraxio universal masculino, pero conta cunha autonomía moi relativa.

1871 Lei do Púlpito, para limitar a influencia política do clero. Bismarck gobernou co apoio dos partidos conservadores, pero non só tivo a oposición do incipiente Partido Socialdemócrata Alemán (SPD), senón da Igrexa Católica.
1888-1918 Reinado do káiser Guillerme II
1890 Destitución de Bismarck, debido ó triunfo nas eleccións do Partido Socialdemócrata (SPD), que reclama os dereitos da clases obreira. A SPD nacería a partir das ideas do revisionismo de Eduard Bernstein, que renuncia á ditadura do proletariado e acepta entrar no sistema burgués de partidos para lograr o poder polas urnas. A Socialdemocracia alemá sería a 1ª en conseguir un certo estado de benestar para a clase obreira.
1890-1914 Tensións prebélicas en Europa polas rivalidades imperialistas dos grandes Estados-nación (p.ex., a rivalidade franco-alemá, os intereses coloniais, as tensións nacionalistas (Estados-nación imperialistas; nacións sen Estado que desexan telo).
1914 Sistema de alianza europeas: a) Tripla Alianza (Imperio alemán, Imperio Austrohúngaro e Italia); b) Triple Entente (Gran Bretaña, Francia e Imperio ruso).
1914-1918 I GUERRA MUNDIAL
1914-18 I Guerra mundial; dous bandos:

a)       Os Imperios centrais (Imperio alemán, Imperio Austrohúngaro, Imperio turco e Bulgaria);

b)       Os aliados: Gran Bretaña, Francia, Imperio ruso (Italia en 1915, EE.UU. en 1917, ano en que a Rusia bolxevique de Lenin abandona a guerra)

1918 7 out.: o goberno alemán pídelle armisticio ó presidente Wilson è a influencia da Revolución rusa provoca sublevacións de obreiros e militares en Hamburgo, Hannover e Múnic (ó estilo dos sóviets).

-7 nov.: proclamación da República en Baviera. Revolución en Berlín.

-9 nov.: abdicación de Guillerme II, que foxe a Holanda è proclamación da República alemá.

-10 nov.: rebelión espartaquista dos socialdemócratas radicais (Liebknecht, Rosa Luxemburg) que propugnan a ditadura do proletariado.

11 nov.: armisticio que dá fin á guerra, en base ós 14 puntos de Wilson è derrota dos Imperios alemán e austrohúngaro.

1919-1939 PERÍODO DE ENTREGUERRAS
1919 Tratado de Versalles (das potencias vencedoras con Alemaña):

a) perdas territoriais de Alemaña: Alsacia e Lorena a Francia; Eupen e Malmedy a Bélxica; o norte de Schleswig a Dinamarca; Posnania, Prusia Occidental e Alta Silesia a Polonia.

-Danzig convertida en cidade libre.

-o Sarre será administrado durante 15 anos por Francia

b) condicións militares (redución do exército, ocupación da zona do Rin, supresión do servizo militar obrigatorio.

c) condición económicas: fortes indemnizacións de guerra ós vencedores.

d) condicións morais: Alemaña declarada responsable da guerra.

e) disolución do Imperio alemán e destitución do káiser è Alemaña pasa a ser unha república.

1918-1933 A REPÚBLICA ALEMÁ DE WEIMAR
1918 -nov.: pacto entre a facción moderada da socialdemocracia (Friedrich Ebert) e o exército (xeneral W. Groener) è nace a República de Weimar (cidade do land de Turinxia), sede da Asemblea de Weimar (1918-19)
1919 -xan.: militares de dereitas asasinan os líderes do movemento espartaquista (‘Garda Vermella’), Liebknecht e Rosa Luxemburg, e afogan este movemento comunista.
1919-1925 Friedrich Ebert  (SPD) é elixido presidente da República, á fronte dun goberno de coalición cos católicos e co Partido Demócrata Alemán.
1919 Constitución da República de Weimar:

-República federal, parlamentaria e democrática.

-Parlamento constituído polo Reichstag (deputados electos) e o Reichsrat (representantes dos Länder).

A República tivo a hostilizade da alta burguesía (contraria á lei das 8 horas, á contribución sobre rendas etc.), do exército e de grupos da extrema dereita.

-a extrema esquerda adopta unha táctica insurreccional (Kurt Eisner proclama unha República dos soviets en Múnic)

1920 Nunha cervexería de Múnic, un antigo cabo do exército de orixe austríaca, Adolf Hitler, funda o Partido Obreiro Alemán Nacional Socialista (partido Nazi)
1923 Ocupación da zona do Ruhr por Francia e Bélxica como garantía dos seus créditos.
1923 9-11: Putsch de Múnic: golpe de estado de Hitler e Ludendorff en Múnic, co apoio do Comisario Xeral do Estado para Baviera, Von Kahr. è co apoio do exército e da policía, Hitler é encarcerado (no cárcere escribe Mein Kampf ‘A miña loita’)..
1925-1934 Von Hindenburg, presidente da República
1930 Caída de Müller, último chanceler socialdemócrata è agrávanse as crises.
1932 Xullo: eleccións xerais con vitoria (sen maioría absoluta) do Partido Nazi (14 millóns de votos e 230 deputados no Reichstag; os comunistas logran 89 deputados è o triunfo desata a violencia dos nazis contra comunistas e socialdemócratas.

-Hindenburg oponse á designación de Hitler como chanceler e convócanse novas eleccións:

-6-11: os nazis perden 3 millóns de votos; avance nacionalista e comunista

1933-1945 ALEMAÑA BAIXO O NAZISMO
1933 -30-01: Hitler (chanceler) forma goberno de coalición con nacionalistas, independentes e católicos, con Von Papen como vicechanceler.

-27-02: os nazis incendian o Reichstag e bótanlles a culpa ós comunistas è persecución oficial dos partidos de esquerda.

-05-03: novas eleccións ó Reichstag: os nazis obteñen 17 millóns de votos (maioría absoluta); os socialdemócratas 7 millóns; comunistas 4.800.000 e nacionalistas 3 millóns.

-13-03: creación do Ministerio para a Educación do Pobo e da Propaganda, ó cargo de Joseph Goebbels.

-21-03: disolución do Parlamento è detencións arbitrarias de membros da oposición política

-07-4: Lei de Unificación dos Länder: abolición do sistema federal a prol do centralismo estatal.

-maio: prohibición de partidos e sindicatos, a excepción do Partido Nazi, o único (para asegurar a unidade do Partido e do Estado).

1934 -Creación da GESTAPO (Policía secreta do Reich), controlada por H. Himmler, xefe supremo das SS è reprímense todos os movementos da oposición è os inimigos políticos son enviados a campos de concentración (Dachau, preto de Múnic, foi un dos primeiros).

-30-06: a Noite dos coitelos longos (asasinato masivo dos principais dirixentes das Sturmabteilung (SA, grupos armados de asalto) non leais a Hitler)

– Agosto: morre o presidente Hindenburg e Hitler asume tamén a presidencia como Führer (‘o guieiro’) e chanceler de todos os alemáns, integrados todos no Partido Nazi e as súas agrupacións

-pacto de non agresión con Polonia.

1935 Reinstauración do servizo militar obrigatorio.

Leis de Núremberg: a pureza de sangue para a supervivencia do pobo alemán (prohibidos os matrimonios mixtos cos xudeos etc.)

1936 Denuncia do Pacto de Locarno de 1925 e ocupación da Renania desmilitarizada(fin do Pacto de Versalles)

-agosto: Xogos Olímpicos de Berlín.

-axuda material ós militares sublevados na Guerra civil española, violando o acordo de Non Intervención.

1937 Protocolo Hossbach: Hitler descobre os seus plans de guerra: conquista do espazo vital alemán pola violencia è xuntar os territorios de fala e cultura alemás.
1938 10-01: noite dos cristais rotos, contra os xudeos.

13-03: anexión de Austria (Auschluss), confirmada en abril por plebiscito.

01-10: Conferencia de Múnic (Hitler, Mussolini, Chamberlain, Daladier) è cesión a Alemania dos Sudetes checos è non haberá guerra! (Chamberlain e Daladier recibidos triunfalmente)

1939 16-03: invasión de Checoslovaquia polos alemáns.

21-03: esixencia a Polonia da anexión de Danzig e do corredor polaco de comunicación entre este territorio e Alemaña è Polonia non acepta e GB e Francia abandonan a política de pacificación e garanten a independencia polaca (pacto do 25-08).

26-03: anexión de Alemaña do territorio Memel de Lituania.

29-08: Pacto de non agresión xermano-soviético (entre Hitler e Stalin, para repartir Polonia).

-01-09: invasión de Polonia. Comeza a II GM

1939-1945 II GUERRA MUNDIAL
1939-1942 1ª fase: guerra lóstrego è triunfos rápidos do Eixe Berlín-Roma-Tokio

Fronte occidental:

-1940: ocupación de Dinamarca e Noruega.

-ocupación de Holanda e Bélxica para invadir Francia

-22 xuño: Francia capitula è armisticio de Compiègne e división do país entre a Francia ocupada (oeste e norte) e o goberno de Vichy do mariscal Petain (interior e sueste).

-Gran Bretaña soa ante Alemaña: a batalla de Inglaterra (bombardeos). Churchill, 1º ministro dun gobeno de coalición.

1940-41 Guerra nos Balcáns
1940-42 Guerra no norte de África
1941 21-06: Alemaña ataca a URSS sen declaración de guerra, rompendo co pacto anterior

07-09: ataque xaponés a Pearl Harbour (Hawaii), que decide a entrada dos EE.UU. na guerra, a favor dos aliados.

1942-43 Batalla de Stalingrado (agosto 42-febreiro 43) è a derrota nazi supón o cambio de rumbo na guerra.

07-11: desembarque dos angloamericanos no norte de África (operación Toch).

1943-1945 2ª fase: vitorias dos aliados:

1943: 13-05, derrota alemá no norte de África (El Alamein etc.)

-maio: instalación dun campamento militar na Cacharosa (Baio), de Artillería e Infantería, para vixiar a costa, de Malpica a Fisterra.

-xullo e agosto: desembarque aliado en Italia

-xullo: caída de Mussolini (destituído polo rei Vittore Emmanuele II).

1944 06-06: Desembarque de Normandía (Operación Overlord).

-20 xullo: atentado frustrado de Von Stauffenberg contra Hitler

-agosto: liberación de París

-outubro: o novo goberno italiano decláralle a guerra a Alemaña (loita dos       partisanos).

-outubro: desmantélase toda présa o campamento militar da Cacharosa (Baio).

-decembro: comeza a batalla das Ardenas (ofensiva alemá á desesperada)

1945 -xaneiro-abril: ofensiva imparable soviética na fronte oriental

-28 abril, capitulación das forzas alemás en Italia. Mussolini executado polos partisanos.

-29 abril: Hitler escribe o seu testamento político.

-30 abril: suicidio de Hitler, Eva Braun, Goebbels e familia no seu búnker de Berlín.

-7 maio: capitulación da Wehmacht no Cuartel Xeral de Eisenhower en Reims.

-8 maio: 2ª capitulación no Cuartel Xeral soviético en Berlín, ante o mariscal Zúkov

-23 maio: destitución e arresto do goberno de Doenitz (designado por Hitler no seu testamento).

-25 setembro: capitulación de Xapón tras o lanzamento das dúas bombas atómica sobre Hiroshima (6-08) e Nagasaki (9-08).

ACORDOS DE PAZ E POSGUERRA
1945 -4-11 febreiro: Conferencia de Ialta (Crimea, URSS): Churchill, Roosevelt, Stalin.

-26-06: Carta de San Francisco, fundacional da ONU.

-xullo-agosto: Conferencia e Acordo de Postdam (Berlín): Churchill, Truman, Stalin e Atlee) è división de Alemaña: a URSS anexiónase Prusia Oriental, a Galitzia Oriental e Polesia; confórmase de novo Polonia cos territorios do leste da liña Oder-Neisse: Pomerania, Silesia, Prusia Oriental, Galitzia Occ.) è evacuación de todos os alemáns residentes en Polonia, Hungría e Checoslovaquia è Estatuto especial para Berlín.

-Alemaña, dividida en 4 zonas de ocupación: 1) A Británica (noroccidental), francesa (suroeste: Renania e Würtemberg); americana (centro-sur: Hessen e Baviera) e a soviética (leste).

-autorízanse a maior parte dos partidos, a excepción do NazionalSocialista.

-reconstitución dos Länder (Alemaña volve ser unha República Federal descentralizada).

-20-11: empezan os Xuízos de Núremberg, contra os xefes nazis.

1945-47 Empezan os enfrontamentos entre os vencedores da IIGM, xerme da futura Guerra fría.
1947-1989/90 GUERRA FRÍA (BLOQUE OCCIDENTAL / BLOQUE SOVIÉTICO)
1947-53 Fase álxida da Guerra fría
1948-1961 Plan Marshall: axudas de máis de 30.000 millóns de dólares dos EE.UU. para a reconstrución da Europa da posguerra: Gran Bretaña, Francia, Alemaña occidental e Italia foron as máis beneficiadas (a España de Franco quedou fóra; só recibiría leite en pé e manteiga para os nenos das escolas).
1948-49 Bloqueo de Berlín: os EE.UU e os seus aliados xestionaban a creación don estado alemán independente sen contar cos soviéticos que, como resposta, cortaron as comunicación terrestres con Berlín, que quedou bloqueado è realizaríanse máis de 300.000 voos para subministrar a poboación da cidade. O bloqueo foi levantado ó ano seguinte.
1949 O bloqueo acelerou o proceso de división de Alemaña en dous bloques e Estados: na zona occidental, a República Federal Alemá (RFA)/ Bundesrepublik Deutschland (BRD), coa unión das zonas de ocupación británica, americana e franciesa (capital en Bonn), e na oriental, zona de ocupación soviética, coa creación da República Democrática Alemá (RDA), capital en Berlín leste.
1949-1963 Konrad Adenauer (CDU), chanceler da RFA.
1957 A Europa dos 6 (CEE, Mercado Común Europeo): Francia, Alemaña, Italia, Bélxica, Holanda e Luxembrurgo.
1961 Construción do muro de Berlín: coas axudas do Plan Marshall, a zona occidental de Berlín progresaba máis cá oriental e moitos dos habitantes deste sector pasaban ó outro lado è esta foi a causa de que o goberno da RDA decidise pechar a fronteira urbana coa construción dun alto valado, vixiado por soldados con orde de disparar contra os fuxitivos.
1962-1985 Coexistencia pacífica na guerra fría e distensión entre os bloques

Antecedentes:

-en 1953 morrera Stalin: Nikita Kruschev substitúeo (1953-1971)

-en 1960 John F. Kennedy sae elixido presidente dos EE.UU.

-en 1963 Kennedy visita Berlín e protesta polo muro: “Eu son berlinés”.

-Kruschev e Kennedy souberon salvar momentos álxidos (crise dos mísiles en Cuba, 1962) e favoreceron a distensión.

1963-1966 Ludwig Erhart (CDU), chanceler da RFA.
1966-1969 Kurt G. Kiesinger, chanceler da RFA.
1969-1974 Willy  Brandt (SPD), chanceler da RFA

-1970: o socialdemócrata Willy Brandt, favorece a distensión coa súa política de apertura ó Leste (a Ostpolitik): tratados co Pacto de Varsovia, negociacións coa RDA (recoñecemento mutuo) etc.

1974-1982 Helmut Schmidtt (SPD), chanceler da RFA
1982-1998 Helmut Kohl (CDU), chanceler da RFA.
1985-1991 FIN DA GUERRA FRÍA E REUNIFICACIÓN DE ALEMAÑA
1985 Mikhail Gorbachov accede ó poder na URSS, como secretario xeral do PCUS è impulsará a perestroika (reformas) políticas e a glásnot (transparencia informativa) na URSS
1987 Tratado de Washington sobre desarme entre Gorbachov e R. Reagan
1989 -agosto-setembro: apertura da fronteira húngara coa RDA è fuxida de milleiros de alemáns.

-outubro: dimisión de Honecker (presidente da RDA)

-9-11: derrubo do muro de Berlín

1990 -12-09 (Moscova) e 02-10 (Nova York): Acta de Unificación (reunificación das dúas Alemañas) è anexión da RDA pola RFA, baixo a presidencia de Helmut Kohl
1994 Abandonan Alemaña as derradeiras tropas soviéticas de ocupación.
1998-2005 Gerhard Schröder (SPD), chanceler da RFA
2005- ? Angela Merkel (CDU), chanceler da RFA (e da UE !).
En resumo, de 1949 á actualidade Os cristiándemócratas (CDU) gobernaron, con 5 chanceleres, entre 1949 e 1969, entre 1982 e 1998 e desde 2005 á actualidade en diversas coalicións co Partido Liberal Democrático (FDP), o Partido Alemán (DP) e mesmo cos socialdemócratas.

O Partdo Socialdemócrata Alemán (SPD) gobernou con 3 chanceleres entre 1969 e 1982 co apoio do FPD e entre 1998 e 2005 co apoio do partido Alianza 90/Os Verdes.

Helmut Kohl foi o que máis tempo botou no cargo (16 anos), pero a súa correlixionaria Angela Merkel (xa con 10 anos) leva camiño de superalo.

 

 

 

 

 

Viaxe ó sur de Alemaña (e nordeste e centro de Francia) 9

 

9º día (Freitag / venres 28 agosto)

Dijon – Limoges:   493 km

Dijon – Macon 127 km
Macon – Cluny  25 km
Cluny – Limoges 341 km
TOTAL 493 km

A ABADÍA DE CLUNY** 

No mundo cristián de Occidente había necesidade de reformar as ordes monásticas. No 743 declárase obrigatoria a regra de san Bieito de Nursia nos conventos do reino franco. No 816 Bieito de Aniane emprende unha 1ª reforma, moi ríxida. Nos sécs. X-XI acométese a 2ª reforma, como consecuencia do feudalismo monástico e das inxerencias dos señores feudais laicos ó reivindicar xurisdición sobre conventos situados nos seus dominios, nace o movemento ou reforma cluniacense, que irradia das abadías de Cluny  e de Gorze.

Cluny: vista da abadía actual (foto XMLS)

Cluny: vista da abadía actual (foto XMLS)

O 11-9-910 Guillerme I, duque de Aquitania, doa a vila de Cluny ó papa para que fundara nela un mosteiro con doce monxes; o doador tiña pouco poder, e así garantía a protección papal. Na carta de fundación establécese a libre elección do abade polos monxes.

Pola súa estrita adhesión a un código beneditino reformado, Cluny converteuse nun mosteiro que marcará un camiño a imitar no estilo de vida monacal en Occidente, desde finais do séc. X.

O grupo coa parte orixinal conservada da igrexa de Cluny

O grupo coa parte orixinal conservada da igrexa de Cluny

A Regra clunisienne foi adoptada por outros mosteiros, e Cluny crea unha extensa orde federada na que os administradores das casas subsidiarias estaban subordinados ó abade de Cluny. Os priores (non abades) reuníanse en Cluny unha vez ó ano, rendían contas e informaban.

Maqueta do que foi a abadía de Cluny

Maqueta do que foi a abadía de Cluny

Os cluniacenses propugnan a reforma da economía e administración monástica (os seus mosteiros foron modelos de produción agrícola autosuficiente, como as villae romanas), a protección exclusiva do papa –e non a do bispo ou señor-, a implantación dunha estrita disciplina e o reforzamento da autoridade do abade. Preto de 200 mosteiros pasan a formar unha congregación situada baixo a obediencia do abade de Cluny. A orde convértese así na máis importante de Europa nesta época: espallouse por Borgoña, o val do Ródano, Provenza… Os monxes cluniacenses viñeron a Galicia polo Camiño de Santiago, que lles debe a eles o gran pulo que tivo nos séculos XI e XII, e influíron na vida monástica e relixiosa dos reinos do norte peninsular (Navarra, Castela, León e Galicia).

O noso simpático (e sincero) guía, que loou a nosa exquisita educación dicindo que eramos "muy civilizados" e que non pareciamos españois ("después de los italianos, los más ruidosos")

O noso simpático (e sincero) guía, que loou a nosa exquisita educación dicindo que eramos “muy civilizados” e que non pareciamos españois (“después de los italianos, los más ruidosos”)

Varios dos seus abades foron figuras relevantes  con sona internacional, e o mosteiro gozou dun gran prestixio. Do séc. X, o da grande expansión, destacan os abades Bernón, san Odón, Aimar e Maiolo (chamado o “árbitro dos reis”, pola súa relación coa aristocracia; rexeitou o papado no 973). No séc. XI, san Odilón dirixe o mosteiro durante 55 anos. No ano 1016 o papa Bieito VIII decretou que os privilexios de Cluny se estendesen ás casas subordinadas, e así o resto das comunidades bieitas sentíronse máis motivadas para seguiren o modelo. No 1049 san Hugo de Semur foi nomeado abade; home de grande elocuencia e sentido político (tivo grande influencia na Querela das Investiduras, entre o emperador e o papado).

Nesta centuria, Cluny foi o instrumento máis eficaz na implantación da reforma gregoriana; moitos papas e legados pontificios procedían da abadía. A orde difunde os principios da reforma fronte ós vicios da Igrexa ligada ós estados feudais (a simonía e o nicolaísmo).

No séc. XII, no 1109, foi nomeado abade Pons (Poncio) de Melgueil,  que continuou coa idea do engrandecemento da orde, e, para iso, iniciou a construción de Cluny III, unha abadía xigantesca que acabaría con todas as doazóns recibidas de León e Castela. As dificultades económicas ocasionaron protestas contra o abade, e tal opulencia fixo que o monacato fose mirando con máis simpatía a orde do Císter, nacida no 1098, máis austera (tamén nas formas  arquitectónicas).

Poncio foi a Roma e presentoulle a dimisión ó papa. Substitúeo Pedro o Venerable en 1122, pero tras unha viaxe a Terra Santa en 1126 terá que se enfrontar a Poncio coas armas; Poncio será excomungado e Pedro terá que facer fronte a unhas finanzas catastróficas, agravadas polo roubo do ouro polos mercenarios que o axudaran na loita.  Coa morte de Pedro no 1157 a orde cluniacense –acusada de enriquecemento e dun poder temporal excesivo- acrecenta o seu declive; a nova orde dos cistercienses de san Bernaldo, inspirada nos ideais de pobreza e austeridade, ía gañando adeptos.

DSC08144

CLUNY EN GALICIA

A primeira abadía dada a Cluny en Galicia foi a de San Salvador de Vilafrío (Castroverde-Lugo), dada ó abade Hugo polo converso Enego Bermudo no 1075. O resto dos priorados cluniacenses galegos déronse no 1º cuarto do séc. XII, a finais do abadiado de Hugo ata comezos do de Pedro o Venerable, patrocinados ou consentidos polo rei Afonso VI, pola raíña Urraca e tamén por Afonso VII. Dos cinco priorados prinucipais galegos cedidos a Cluny, malia o apoio de Xelmírez á orde, ningún está na diocese compostelá nin no Camiño de Santiago: San Vicenzo de Pombeiro (Pantón) –cedido en 1109 pola raíña Urraca ós monxes de Cluny para asegurarse o seu apoio fronte ós nobres galegos partidarios do seu fillo Afonso Raimúndez (polo tanto, cun propósito antigalego)-; San Martiño de Xubia -cedido en 1113 polo conde Pedro Froilaz de Traba ó abade Poncio de Cluny); Sta. María de Ferreira de Pantón;  Valverde (Monforte) e San Salvador de Budiño –dado en 1126 por Gomes Nunes, conde de Toroño, que acabará sendo monxe de Cluny.

Nestes priorados vivían poucos monxes a mediados do séc. XIII, e achegaban a Cluny pouca renda.Contra 1250 a decadencia destes priorados era grande,e os visitadorse acusaban ós abades de daren acubillo a ladróns e cregos incestuosos, e tamén que levaban unha vida disipada (disque vivían con mulleres públicas) e que deixaban arruinar as igrexas.

DSC08145

As tres igrexas de Cluny

A primeira igrexa (Cluny I), da época da fundación (principios do séc. X), respondía ás pautas do estilo carolinxio.

A segunda (Cluny II), de principios do séc. XI , foi un exemplo precoz do románico temperán.

A terceira (Cluny III), levantada na súa maior parte entre 1088 e 1130, foi durante séculos a igrexa máis grande da cristiandade (lonxitude interior de 177 m) ata que San Pedro de Roma foi reconstruída no séc. XVI (186 m). Cando se rematou este templo xigantesco, no mandato de Pedro o Venerable, a comunidade monástica contaba con 460 monxes.

A finais do séc. XV os reis de Francia estableceron aquí unha residencia de paso, e no séc. XVI a abadía converteuse en encomenda (o rei  adquiriu o dereito a nomear abade).

DSC08163

O símbolo de Cluny, no museo

No ano 1790, xa iniciada a Revolución francesa, Cluny foi saqueado e destruído na súa maior parte por unha turba de revolucionarios.  Os edificios foron adquiridos en 1798 por un comerciante, que vendeu as súas pedras.  No ano 1823 só quedaba en pé a basílica de San Pedro e san Paulo, que é a que subsiste hoxe (só unha pequena parte do conxunto orixinal). As dimensións do brazo sur do transepto (32 m baixo a cúpula) son excepcionais dentro do románico e dan idea das enormes proporcións que tivera o templo. O tramo central, cuberto cunha cúpula octogonal sobre trompas, está coroado polo Campanario da Auga Bendita.

No  edificio do papa Xelasio pódese ver de maneira virtual a igrexa de Cluny (unha película de 9 min. en pantalla grande e en 3D).

O símbolo de Cluny, no museo

O símbolo de Cluny, no museo

Quedan restos da antiga abadía. No ano 2007 este sitio foi declarado Patrimonio Europeo.

Hai tamén unha Torre dos Queixos (‘Tour des Fromages’), do séc. XI, con vistas á igrexa e ó campanario da Auga Bendita etc. Tamén un Museo de Arte e Arqueoloxía instalado no antigo pazo abacial.

AUVERNIA E LIMOUSIN

LIMOGES (occitano: LIMOTGES)* (Michelin), p. 477.

-140.000 hab.

É a capital da porcelana, do esmalte e do calzado. Forma parte do Camiño de Santiago (Via Lemovicencis).

A cidade presenta dúas caras: a episcopal, agrupada arredor da catedral, e a do barrio do castelo, cidade comercial construída arredor da abadía de San Marcial.

Casa pintada de Limotges

Casa pintada de Limotges

Visitas:

-no barrio antigo: -a catedral de St.-Étienne (do XIII ó XIX), estilo gótico flamíxero, coa portada de St.-Jean (1516-1530). Tres tumbas rodeando o presbiterio; a máis interesante, a de Jean de Langeac, renacentista (1544).

igrexa de St.-Michel-des-Lions (séc. XIV, gótica), que conserva desde a Revolución francesa as reliquias de san Marcial.

igrexa de St. Pierre-des-Queyroix (séc. XIII), gótica, pero con partes románicas; notable vidreira renacentista e retablo barroco.

Igrexa de San Aureliano (sécs. XIV-XVII), patrón da cidade e dos carniceiros.

abadía da Nosa Señora da Regra (séc. IX-XVIII), fundada no 817 por Ludovico Pío.

Gare des Bénédictins (‘Estación dos Beneditinos’), construída entre 1924-1929. Deseñado por Roger Gonthier: un edificio con cúpula e campanario sobre pilote por enriba das vías; edificio de formigón recuberto con placas de pedra caliza. Na entrada, unhas esculturas simbolizan a porcelana e o esmalte. As vidreiras son do artista Chigot.

Cruceiro en Limotges

Cruceiro en Limotges

Museo das Belas Artes de Limoges-Museo do Esmalte (no antigo pazo episcopal), cunha colección de máis de 500 esmaltes.

O barrio do Chateau é o corazón da cidade, coas súas antigas rúas comerciais.

-Rue de la Boucherie (‘Rúa da Carnicería’), con casas tradicionais con entramado de madeira.

Museo Nacional da Porcelana Adrien-Dubouché, fundado en 1845 (Nacional en 1881). Amosa a evolución da olaría limusina.

A rexión do Limousin é fundamentalmente rural e gandeira (gando bovino). Ó sur, a comarca de Brive (xa a visitamos en 2014) é coñecida polos seus amorodos, ameixas, trufas, castañas e noces. A riqueza da rexión é exclusivamente a natureza, con bosques ben conservados, e tamén a gastronomía. Nos produtos da granxa destacan o foie-gras, os confits e ou rillettes de oca e de parrulo, os patés trufados, a sopa con touciño, as morcillas con castañas, as tortas con noces, o clafoutis con mazás…

Tamén está a artesanía: artesáns da porcelana, a tapicería e o traballo do coiro, que fornecen grandes marcas.

A cerámica de Limoges ten sona universal. A súa arte está ligada a técnicas ancestrais: os esmaltes embelecedores de cofres de xoias, obxectos relixiosos, vasillas etc.

PARAY-LE-MONIAL

Pasamos tamén por Paray-le-Monial, cunha igrexa de peregrinación moi semellante á de Cluny (era priorato dependente desta abadía). Trátase da basílica do Sagrado Corazón, románica, de tres naves lonxitudinais e unha transversal (63,5 m de longo x 23,35 de largo; 22 de altura; altura da torre 56 m).

Nesta igrexa tiveron lugar, en 1671, as visións da mística (despois santa), Margarida María de Alacoque, a quen se lle apareceu Cristo amosándolle o seu corazón. Os xesuítas difundiron moito a devoción ó Sagrado Corazón de Xesús, moi popular no séc. XIX; despois esmoreceu. En Galicia o culto entrou a finais do XIX – principios do XX; as nosas igrexas enchéronse de imaxes do Sagrada Corazón de Xesús.

Igrexa de Paray-le-Monial (XMLS)

Igrexa de Paray-le-Monial (XMLS)

10º día (sábado 29 agosto): Limotges – A Coruña/Santiago:  1.115 km
Parada a xantar en Cantabria

Durante o longo traxecto de máis de 1.120 km cara á casa retomáronse as conferencias rodantes. Penas Patiño proporcionounos unha ampla información sobre o “esquecido” (pola historiografía española) reino dos suevos na antiga Gallaecia. O seu título de urxencia foi “De suabos a suevos”, en base a que a Suabia xermana que acabaramos de visitar fora a terra de orixe deste pobo. Volvemos falar amplamente deste reino de 175 anos de existencia (411-585), que se din moi axiña, e que nas historias de España se “liquida” nun par de liñas para dar preeminencia ó reino visigodo, considerado “máis español”, pero que tamén tiña boa parte do seu territorio no sur de Francia (mesmo chemou a ser Narbona a súa capital). Tamén falamos das “trampas saduceas” de famosos historiadores españois para ocultar a existencia do antigo reino de Galicia, herdeiro do peso ancestral da antiga Gallaecia romana, para facer cadrar o seu esquema visigodos è reino de Castela è España. Mentres que para os cronistas árabes do sur da Península os habitantes do norte do río Douro –ata mesmo a actual Soria- eran “os galegos”, os historiadores españois traducían isto por “Reino de León” porque si, simplemente porque a corte real do reino de Gallaecia/Galicia estaba situada en León. Os monarcas tardaron séculos en se titularen reis de León. Tanto nos cambiaron a historia, que o noso Afonso VIII (de Galicia e León) pasouse a chamar Afonso IX porque houbera un VIII en Castela; como proba disto, o famoso rei Sabio no seu tempo foi o IX (“el Nono”) ata que os historiadores españois lle cambiaron o numeral: véxanse portadas das edicións máis antigas das “Siete Partidas” de “Alfonso el Nono”: http://www.cervantesvirtual.com/FichaAutor.html?Ref=90  // http://www.singularis.es/?p=1143#!prettyPhoto[iframe]/0/).

Tamén falamos do elevado nivel cultural que debeu haber na aínda Gallaecia romana do século anterior, o IV. Os grandes escritores e teólogos de Hispania estaban no Noroeste peninsular, con intelectuais coma o reformador relixioso Prisciliano ou a viaxeira Exeria (non era monxa, como se ten dito) que escribiu a súa peregrinaxe a Palestina nunha das primeiras guías de viaxe do mundo. Posteriormente, a principios do séc. V, sobresaíron Hidacio de Chaves e Paulo Orosio, autores das primeiras historias da Gallaecia e de Hispania, respectivamente, que asistiron (horrorizados) á entrada dos “bárbaros” suevos, dos que temían que ían acabar coa cultura galaico-romana. Para ampliar coñecementos recomendamos a obriña do catedrático de latín da USC José Eduardo López Pereira: O primeiro espertar cultural de Galicia. Cultura e literatura nos séculos IV e V (Biblioteca de Divulgación da USC, 1898).

Manolo Chouza tamén falou, polo que vagamente lembramos (pasou moito tempo…), sobre o cambio climático, o CO2, os combustibles fósiles, as enerxías alternativas (solares, eólicas…).

Máis adiante, xa chegando a Cantabria para degustar o gorentoso marmitako de Hoznayo, Xela Cid falounos  da distribución da poboación alemá; o rural alemán e o galego. O desenvolvemento agrícola alemán e galego; contraste de zonas protexidas en Alemaña e en Galicia; espazos importantes sen protexer en Galicia (o Pindo, os Ancares, o Courel).

Finalmente, a nosa “flor do Salnés” fíxonos unha despedida á alemá repasando os crípticos alcumes postos nesta viaxe, a saber: o(s)/a/s) Correcamiños, a Mafalda galega, o Calviño e o Caneliñas.

A longa e teimosa loita polo Conxunto Etnográfico do Mosquetín

De Xosé María Lema
Publicado no quepasanacosta.gal

Negativa da DXPatrimonio a declarar BIC o conxunto etnográfico do Mosquetín (20-07-97) copia

Negativa da DXPatrimonio a declarar BIC o conxunto etnográfico do Mosquetín (20-07-97)

Cando hai uns días faciamos memoria (histórica, tamén) da loita de 19 anos atrás polo recoñecemento oficial da Terra de Soneira, tamén faciamos mención das angueiras a mancheas  e non poucos desplantes varios que, polo menos algúns, tivemos que sufrir para salvar o enclave etnográfico dos batáns e muíños do Mosquetín do seu abandono e conseguinte destrución. Esta corta feira santa este conxunto tan senlleiro vai pasar a ser xestionado polo Concello de Vimianzo, e temos esperanza de que se inicie unha nova etapa na que se poña en valor como é debido.

Cando falo de angueiras, traballos e desplantes e mesmo desprezos non estou a falar só de min, senón de amigos e estreitos colaboradores de gran valía da Terra de Soneira, membros de asociacións culturais e veciñais que perderon moito do seu tempo para buscar a forma de que este ben etnográfico tan senlleiro, pois non chegan ós dedos dunha man os que hai en Galicia, se conservase e constituíse un lugar para atraer visitantes á comarca. De entre todos, é de xustiza salientar o labor de dous: o finado Roberto Mouzo e Moncho Gándara.

Xestións iniciadas contra 1984 (polo menos)

Aínda que unha vez os visitara na miña infancia, cando fixen as primeiras fotos dos batáns do Mosquetín foi en 1974. En 1977 publicaría o que seguramente foi o primeiro artigo sobre eles (“Notas de socioloxía e lingüística a propósito dos batáns do Mosquetín”, na revista Verba. Anuario Galego de Filoloxía, da USC).

En 1984, co apoio dos dous únicos concelleiros do grupo Unidade dos Veciños do Concello de Vimianzo (Xan García e Moncho Gándara) e da Asociación Cultural Vencello (por alí xa andaba Roberto Mouzo), fixemos xestións ante a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para que se renovase, como mínimo, o tellado; xa daquela a prensa subliñaba non só a indiferenza senón tamén a hostilidade da alcaldía vimiancesa, xa daquela con Alejandro Rodríguez (PSOE) á fronte.

Trouxemos a Vimianzo á directora xeral de Patrimonio, Raquel Casal, e conseguimos que en 1985 a Xunta teitase e tellase o edificio da parte alta, o dos tres batáns e dous muíños, e grazas a iso salváronse os aparellos do interior (que son de madeira, como ben se sabe), pois pouco máis adiante houbera grandes inundacións no río do Porto.  Ese mesmo ano conseguiuse unha subvención para que un dos propietarios, José García, coa axuda dun carpinteiro bergantiñán, restaurase un dos aparellos para poñelo a funcionar despois de tantos anos sen o facer (polo menos desde 1966). Como fora seguindo a restauración paso a paso o mestre Moncho Pérez Rey, do Centro de Recursos de Vimianzo, ó final elaborouse un documental dramatizado -con actores do grupo teatral Badius de Baio- que constitúe un testemuño etnográfico único.

En 1988 os batáns volveran ó abandono, ante a indiferenza dos organismos oficiais (a do Concello de Vimianzo za era sabida, pero esperábase máis da Xunta).

Entre 1991-92 houbera unha raiola de esperanza co novo director xeral, o arquitecto Iago Seara, ó que lle remitimos un escrito cunha breve historia deste enclave que xa era citado no Catastro de Ensenada 250 anos atrás, contra 1750. Propoñíaselle que se chegase a un acordo con donos para adquirir o conxunto, pois constituiría un magnífico enclave para o turismo rural
El Correo Gallego-Os Batans do Mosquetin condenados a desaparecer
A campaña Salvemos os batáns

Iago Seara tomara ó principio o asunto con verdadeiro interese; veu a Vimianzo e quedara impresionado á vista dos aparellos, e iso que estes estaban ben estragados (só o restaurado en 1985 mantiña o tipo). Falou cos propietarios e estes estaban dispostos a cederen o uso do conxunto restaurado. Tamén falou con Alejandro Rodríguez, o alcalde (fomos testemuñas da entrevista), propoñéndolle a formación dun convenio coa Xunta e outro cos propietarios; o Concello só tería que destinar unha persoa que velase pola conservación do conxunto. Nada: foi coma mallar en ferro frío: para D. Alejandro os edificios do Mosquetín non tiñan valor ningún.

O director xeral encargoulle ó arquitecto Pedro de Llano un proxecto de restauración e musealización do Mosquetín. Isto motivou que en decembro de 1991, convocadas polo activo concelleiro Moncho Gándara (habería que erguerlle un monumento a este home), dúas ducias de asociacións culturais e veciñais, de pais de alumnos e de amas de casa dos tres concellos da Terra de Soneira iniciaron unha imaxinativa campaña para salvar uns aparellos singulares dos que se sentían orgullosos. O acto máis mediático tivo lugar o día dos inocentes deste ano: membros de todas estas asociacións acudiron ó Mosquetín para limpar de silvas e maleza os edificios para que o arquitecto puidese facer ben as medicións. A prensa escrita e mesmo a TVG e a TVE-G cubriran a información. Manuel Rivas, que daquela vivía na Irroa (Vimianzo), escribira un retranqueiro artigo en La Voz de Galicia (“S.O.S. Salvemos o que se salvou”, 19-01-1992) parodiando a inexplicable oposición da alcaldía vimiancesa á restauración e mesmo á limpeza: “Duro con eles, señor alcalde: vaia caraduras estes das asociacións culturais, que se poñen a limpar o río en vez de emporcalo, co bonito que estaba cheo de latas e plásticos!”.

Ó final, Verba volant (“voan as palabras”), Iago Seara deixou pasar o tempo e, co seu silencio administrativo, o proxecto do Museo do Batán de Pedro de Llano esmoreceu definitivamente.


Enésimo intento de salvación: solicitude de declaración de BIC

Ano 1994. Novo director xeral de Patrimonio, Á. Sicart. Volvemos á carga e volta a empezar cun documentado escrito para informalo de todo, aínda que el ben o sabía. Pasa o tempo e nada: coma quen escoita chover. Pero nós, teimudos, dispostos a seguir perdendo batallas ata a vitoria final, coma os vietnamitas, que fronte ós americanos perderon todas das batallas pero ó final gañaron a guerra.

Xa como último recurso, en ano 1996, ó abeiro do artigo 9 da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, dúas ducias de colectivos da Terra de Soneira elevaron áXunta ed Galicia a petición de declaración de BIC (Ben ed Interese Cultural) do conxunto do Mosquetín.

Un ano despois, en 1997, a Dirección de Patrimonio empeza a solicitar informes técnicos a prestixiosos organismos: o Consello da Cultura Galega, o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, Á Real Academia de Belas Artes e á Delegación de Cultura da provincia da Coruña.

Pois ben, tras os seus estudos e informacións, os catro organismos –mesmo a Delegación de Cultura coruñesa- informaron moi favorablemente para esta declaración de BIC, pero a Dirección Xeral –máis teimuda aínda que nós- fixo caso omiso dos catro informes positivos e decidiu non declarar BIC o senlleiro conxunto do Mosquetín, único en Galicia, o que supoñía que se ía deixar arruinar sen remedio. Casualmente (ou non) a noticia aparecía en El Correo Gallego (09-07-1997) ó lado doutra pola que a Xunta aprobaba subvencións cenmillonarias para a mellora do patrimonio da Igrexa: “Patrimonio pobre; patrimonio rico”.

E nisto chegou Felipe-Senén…
doc. 3 Máis de dez anos...! copia
Abreviando: cando xa parecía todo perdido recibimos unha chamada doutra persoa que tamén merecería un monumento –polo menos na Costa da Morte- pola súa eficiencia: Felipe-Senén López Gómez, naquel momento xefe do departamento de Xestión Cultural da Deputación da Coruña (Augusto César Lendoiro era o seu presidente). Felipe solucionou o asunto  decontado: “Falade cos donos e preguntádelle canto queren polos dous edificios dos batáns e muíños”. Así de simple. Moncho Gándara e o lembrado Roberto Mouzo entrevistáronse cos dous curmáns propietarios e non houbo maiores dificultades para chegar a un acordo coa Deputación na venda. As obras de restauración non tardaron en empezar ó ano seguinte. En 1999 presentouse o Plan de Musealización do técnico Paco Doval (actual director do Forno do Forte de Buño, outro ben etnográfico recuperado na época de Felipe-Senén e de Lendoiro). No 2002 iniciouse o proxecto de remate de obra. Carpinteiros da comarca coma o alemán de Calo Rupert Kolb e Martín Senande de Canduas repararan o aparello que se atopaba en mellor estado e refixeron os outros dous.

Guía dos Batáns e muíños Mosquetín (2008)

Guía dos Batáns e muíños Mosquetín (2008)

O 1º de agosto de 2005 a Deputación da Coruña, xa presidida por Fernández Moreda (PSOE) cédelle a xestión do conxunto do Mosquetín a unha asociación, nun solemne e multitudinario acto celebrado nas Torres do Allo. Fomos convidados…, pero convidados de pedra, pois ningún dos que tomaron a palabra naquel ostentoso acto fixo a máis mínima alusión ós que individual ou colectivamente loitaramos durante tantos anos (preto de vinte) pola salvación deste conxunto tan senlleiro. Fixeron tábula rasa de todo o anterior e centráronse no presente como se fose un maná que lles caera do ceo. A historia sempre a escriben os vencedores (ou non).

Iso si: como os datos para calquera publicación os tiñamos nós ninguén se puido apropiar deles. Dous libros e un documental:

  • LEMA SUÁREZ, X. Mª e R. MOUZO LAVANDEIRA (2007): O conxunto etnográfico dos batáns e muíños do Mosquetín, na Terra de Soneira. Outros batáns, folóns ou pisóns de España e Portugal; Seminario de Estudos da Costa da Morte, Vimianzo.
  • LEMA SUÁREZ, X. Mª e R. MOUZO LAVANDEIRA (2009): Batáns e muíños do Mosquetín. Guía breve; Seminario de Estudos da Costa da Morte; Vimianzo.
  • LEMA SUÁREZ, X. Mª e R. MOUZO LAVANDEIRA (2007): Os batáns do Mosquetín, un conxunto etnográfico singular (documental en galego con subtítulos en castelán, italiano, francés e inglés); Seminario de Estudos da Costa da Morte; Vimianzo.

 

Viaxe ó sur de Alemaña 8

 

8º día (Donnerstag / xoves 27 agosto)

Colmar – Riquewihr – Besançon – Dijon ( km): 276 km

Colmar – Riquewihr 15 km
Riquewihr – Dijon 261 km
TOTAL 276 km

No tocante ás “conferencias rodantes”, Penas Patiño falou sobre as cegoñas, aves totémicas en Baden-Baden. Riquewihr e, en xeral, en toda Alsacia. Víanse polos campos a eitoe a súa figura aparecía nas caixas de galletas e escaparates dos comercios (comentou o caso de que se atopara hai anos unha cegoña cunha frecha no pescozo, e polo tipo de frecha púidose saber de que zona de África procedía).

Manolo Chouza (máis coñecido por Manolo de Xeliña) dedicou o seu parlamento a reflexionar sobre “A ciencia e nazismo (o Dr. Mengele)”, e tamén falou das fontes do Danubio (¿ou foi Xela?).

Un destes días tamén tivemos a actuación estelar, a capela, do mozo Xoán Antelo -integrante dos Druídas da Rolda de Vimianzo-, a nosa última adquisición, que nos deleitou con cancións irlandesas coma Whiskey in the jar (“Musha rain dum-a-doo dum-a-da / whack for my daddy-o…”) e outras. Nós respondémoslle co que vén sendo o noso himno viaxeiro desde a viaxe a Bretaña, no 2006 (Molly Malone), mesmo con versión galega. O grupo dos Druídas actuaría no outono en Vimianzo xunto cos grupos A Roda e De Vacas. Prometeron que ían aprender Molly Malone en galego.

Paisaxe agraria alsaciana (XMLS)

Paisaxe agraria alsaciana (XMLS)

ALSACIA (FRANCIA)

RIQUEWIHR** (REICHENWEIER en alsaciano ) (Michelin 227)

Unha das vilas máis visitadas de Francia (2 millóns de visitantes anuais), distinguida pola asociación Les plus beaux villages de France.

-sobreviviu milagrosamente a todas as guerras e conserva case intacto o esplendor medieval ata o do séc. XVI (rúas estreitas, murallas, casas…).

-rúas de trazado medieval (en especial a Rue Charles De Gaulle), que atravesa a vila de norte a sur pola parte centra; a ela van das a Rue des Juifs, a des Orfèvres, de la Couronne, entre outras.

-Conserva tramos amurallados de 1291 e do 1500; a torre da porta norte (La Tour des Voleurs (‘a Torre dos Ladróns’) conserva unha ponte levadiza de madeira no seu exterior.

Rúa principal de Riquewihr (XMLS)

Rúa principal de Riquewihr (XMLS)

Palacio dos Duques de Württemberg, rematado en 1540.

Maison Liebrich, construída en 1535. Distínguese polo Patio das Cegoñas, con galerías de madeira con balaústres, un pozo e un lagar.

Rúa principal de Riquewihr (XMLS)

Rúa principal de Riquewihr (XMLS)

Maison Behrel, cun miradoiro de 1514 cun engadido por encima de 1709.

Maison de l’Oncle Hansi.

Can alsaciano: como estivo calado quedamos sen saber se ladraba en francés ou en alsaciano-alemán (XMLS)

Can alsaciano: como estivo calado quedamos sen saber se ladraba
en francés ou en alsaciano-alemán (XMLS)

Non só gustou a esta fermosa vila, senón tamén toda a comarca, con extensos viñedos preparados coma se dun xardín se tratase. As vilas nos pequenos outeiros cos montes Vosgos ó fondo, como marco, perfectamente integradas na paisaxe.

Toda ordenadiño na paisaxe agraria alsaciana: os viñedos no val, as vilas nos outeiros ou a pé deles (foto XMLS)

Toda ordenadiño na paisaxe agraria alsaciana: os viñedos no val, as vilas nos outeiros ou a pé deles (foto XMLS)

 

FRANCO CONDADO (FRANCIA)

BESANÇON

Os reloxos parecen ser o símbolo de Besançon (XMLS)

Os reloxos parecen ser o símbolo de Besançon (XMLS)

Sen o termos previsto visitamos Besançon, onde paramos para xantar. Trátase dunha cidade de 117.00 hab, regada polo río Doubs, ben coñecida polos emigrantes galegos residentes nos cantóns do noroeste de Suíza (Jura, Basilea, Zúric…), pois queda na súa ruta. Como todo o Franco Condado, formou parte das posesións dos Austrias españois (1664-1674).

A etimoloxía do nome está en Vesontio, unha fortaleza (oppidum) dos secuanos, un pobo galo. Tiña unha muralla construída contra o 80 aC. Xulio César conquistou a cidade no 58 a.C. Da época romana consérvase a Porta Negra e vestixios dun anfiteatro.

O monumento-símbolo da cidade é a cidadela do monte de Saint-Étienne, construída polo famoso enxeñeiro Vauban entre 1668 e 1711 no reinado de Luís XIV; recibe máis de 270.000 visitantes ó ano. A cidadela é un centro cultural e conta con dous museos: o da Resistencia e a Deportación e o Comtois, das tradicións populares do Franco Condado.  As fortificacións de Besançon son Patrimonio da Humanidade desde o ano 2008.

  

Centro de Besançon

Centro de Besançon

DIJON*** (Michelin) p. 273

DSC08117

A curuxa, símbolo de Dijon

-151.000 hab.

-capital do outrora poderoso ducado de Borgoña.

-nomeada Cidade da Arte e da Historia (2008); un dos centros de arte máis importantes de Francia.

O DUCADO DE BORGOÑA

Un dos Estados máis importantes da Europa medieval, independente de 880 a 1482. O seu territorio herdou en parte a Lotarinxia carolinxia. Estes dominios estaban unidos á casa de Valois francesa por unha póla colateral (os duques de Borgoña, que sobre o papel eran vasalos do rei de Francia, pero souberon manter unha política propia).

As irmás Sambad esperando en Dijon a que empece a Panorama a tocar na sesión-vermú (hai que ser fans para seguila tan lonxe!)

As irmás Sambad esperando en Dijon a que empece a Panorama
a tocar na sesión-vermú (hai que ser fans para seguila tan lonxe!)

No ano 1016 Enrique I cedeu o ducado ó seu irmán Roberto, que funda a rama da dinastía dos Capetos. Desta rama procedía Reimundo de Borgoña, que a principios do séc. XII casou con Dª Urraca, filla do rei Afonso VI de León, Castela e Galicia (os dous gobernaron a zona norte de Galicia -a actual-, mentres que Henrique de Lorena e Dª Tareixa, a outra filla, gobernaron a Galicia sur –a de entre Miño e Douro: o Condado de Portucale, futuro Portugal-. Fillo do matrimonio de Reimundo e Urraca foi o futuro emperador Afonso VII, criado por Pedro Froilaz de Traba, señor de Traba e conde de toda Galicia, no mosteiro de Moraime.

O derradeiro representante desta casa na Borgoña foi Filipe de Rouvres, que morreu pola peste en 1361.

O ducado pasou á coroa francesa e o rei Xoán o Bo cedeullo ó seu fillo máis pequeno, Filipe o Atrevido (1363-1404), que o recibiu en propiedade, xunto co Franco Condado e Artois. En 1369 Filipe casou coa herdeira do ducado de Flandres, Margarida, e converteuse nun dos príncipes máis poderosos de Europa. Aínda que vasalos das coroas francesa e alemá, os duques borgoñóns eran no séc. XV os máis ricos de Europa; os reis de Francia chegaron a se sentiren ameazados polo seu poderío; Dijon encheuse de pintores e escultores flamengos, convertida polos duques nunha obra de arte.

O seu sucesor, Xoán Sen Medo (1404-19) tiña esperanzas de ser rei de Francia, pero matárono dun machetazo na ponte de Montereau.

Filipe o Bo (1419-1467) fundou a Orde do Toisón de Ouro para se asegurar o apoio da nobreza. En 1435 reconciliouse con Carlos VII, rei de Francia, e Dijon converteuse na capital dun poderoso estado que comprendía parte de Holanda, Bélxica, Luxemburgo, Flandres, Artois, Picardía etc.

Carlos o Temerario (1467-1477) foi o derradeiro duque de Borgoña valón; empeñouse en conquistar as terras que se interpoñían entre o norte (Holada, Bélxica) e o sur dos seus territorios para crear un reino continuo. As guerras e as rebelións internas provocaron o seu fracaso. Morreu durante o asedio de Nancy; o seu cadáver achouse sobre un lago xeado medio comesto polos lobos.

María de Valois foi a derradeira duquesa da Borgoña independente; casou con Maximiliano I de Austria; nas capitulacións matrimoniais estipulárase que o segundo fillo deste matrimonio herdaría os territorios maternos, pero María faleceu antes de que isto acontecese. Entón, Borgoña pasou a Francia e os Países Baixos a Austria.

VISITAS 

Polas rúas de Dijon

Polas rúas de Dijon

O Museo de Belas Artes está instalado no Pazo dos Duques e dos Estados de Borgoña**, que merece unha visita para ver, entre outras obras, a Sala dos gardas (ou das Festas), construída por Filipe o Bo e onde se celebraban as comelladas; a tumba de Filipe o Atrevido***, na que traballaron, sucesivamente, de 1385 a 1410, escultores como Jean de Marville, Claus Sluter e Claus de Werwe: unha estatua xacente  sobre unha lousa de mármore negro apoiada en arcos de alabastro que acubillan 41 figuriñas de “choronas” (pranteiras) moi naturalistas: cregos, cartuxos, parentes, amigos e oficiais do príncipe, todos enloitados e encapuchados, conformando un lúgubre cortexo fúnebre do defunto.

A tumba de Xoán Sen Medo e de Margarida de Baviera*** (de entre 1443-1470) reproducen o modelo da tumba anterior, pero cun estilo máis próximo ó gótico flamíxero.

Estas tumbas marcaron un antes e un despois na arte dos moimentos funerarios europeos.

Nun bar de Dijon axudaban a calcular

Nun bar de Dijon axudaban a calcular

A catedral de San Benigno (séculos XIV e XVIII, cunha cripta do séc. XI), igrexas de San Filiberto (románica), Nôtre Dame (séc. XIII, estilo gótico borgoñón), de San Miguel (con torres do gótico flamíxero do séc. XV, fachada monumental cos bustos dos profetas Daniel, Baruch, Isaías, Ezequiel, David tocando a harpa e Moisés).

Nos arrabaldos da cidade quedan os restos da cartuxa de Champmol (fundada por Filipe o Atrevido no séc. XV), entre os que se atopa a portada e o chamado Pozo de Moisés, obras de Claus Sluter.

As esculturas do gótico borgoñón son esaxeradamente realistas, con moito aire tráxico, acrecentado pola profundidade e movemento das pregas das vestiduras. Os monumentos funerarios borgoñóns foron modelo para boa parte de Europa.

Feito o cálculo... cervexa ó papo

Feito o cálculo… cervexa ó papo

 

Case dúas décadas do recoñecemento oficial da Terra de Soneira no Mapa Comarcal de Galicia (I)

Mapa da Terra de Soneira, cos seus tres concellos, parroquias e lugares (R.Mouzo en ‘A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte’, 2010)

Mapa da Terra de Soneira, cos seus tres concellos, parroquias e lugares (R.Mouzo en ‘A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte’, 2010)

O 20-10-96 o Gabinete de Planificación e Desenvolvemento Territorial da Xunta de Galicia, presidido por Andrés Precedo Ledo (catedrático de Xeografía da USC), presentara a súa proposta de Mapa Comarcal de Galicia, e nela ignorábase a Terra de Soneira, incluíndo o seu territorio, sen máis, na polo Gabinete denominada Comarca de Fisterra (co cal, unicamente se facía coincidir co Partido Xudicial de Corcubión, creado en 1833).

Deseño de Roberto Mouzo para reivindicar o recoñecemento oficial da Terra de Soneira (1997)

Deseño de Roberto Mouzo para reivindicar o recoñecemento oficial da Terra de Soneira (1997)

Mobilización popular inusual

Isto motivou unha mobilización popular inusual a favor do recoñecemento oficial da comarca. Por unanimidade, os plenos municipais dos concellos de Camariñas (alcalde Bautista Santos), de Vimianzo (Alejandro Rodríguez) e de Zas (Ernesto Rieiro) presentarían na Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia alegacións a prol do recoñecemento oficial desta terra (sinónimo de comarca), acompañadas dun longo Informe histórico de quince folios e doutro xeográfico, elaborados por quen subscribe (o primeiro) e por Evaristo Dominguez (o segundo); os vimianceses Roberto Mouzo e Andrés Pose achegarían estudos cartográficos. Xunto cos concellos tamén presentaran alegacións unha vintena de asociacións culturais e veciñais e varios veciños a título individual.

O mural de Roberto Mouzo da Praza do Concello de Vimianzo (A Terra de Soneira, no corazón..., p.18) copia

O mural de Roberto Mouzo da Praza do Concello de Vimianzo (A Terra de Soneira, no corazón…

O finado Roberto Mouzo tamén fora autor dun gran mural pintado na parede dun edificio lindeiro coa Praza do Concello de Vimianzo, coa lenda “Terra de Soneira, terra milenaria” sobre as siluetas de tres significados monumentos soneiráns: o castelo de Vimianzo, a ponte de Brandomil e o faro do cabo Vilán. Estaría ben que se repintase este mural para o ano que vén, cando se cumpran os vinte anos. Para o 2017 tamén sería bo que os concellos de Vimianzo e Zas colocasen nas estradas de entrada á comarca (na C-552, na C-404 e na C-441) uns grandes letreiros dándolle a benvida ó viaxeiro á Terra de Soneira.

Quen subscribe, afeito como estaba a que a Administración autonómica fixese oídos xordos ás reivindicacións desta nosa marxinada zona, o certo é que non pensei que nos fixesen caso. Deste xeito, cando o 20 de febreiro de 1997 a prensa deu a noticia de que o Gabinete de Planificación aceptara as nosas alegacións, de tal xeito que a histórica Terra de Soneira quedara finalmente incluída dentro das 53 comarcas do Mapa Comarcal de Galicia, levei unha agradable sorpresa, pero tamén un bo anoxo, pois, coma os madianitas (aquel pobo bíblico, preguiceiro, que esperaba a que os hebreos tivesen as colleitas a punto para roubarllas), xa houbera quen se apuntara o éxito: un significado concelleiro do PP de Vimianzo, que adiantara a noticia engadindo que fora grazas ós seus “ímprobos esforzos” e influencias políticas. Así e todo, axiña quedou co cu ó aire, pois ninguén dera o máis mínimo creto ás súas afirmacións.

O Mapa Comarcal de Galicia publicaríase no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 3 de abril de 1997, e desde aquela a Terra de Soneira figura con fachenda entre as 53 comarcas galegas. Mágoa que o propio goberno galego, impulsor do Mapa, nunca crese realmente na comarcalización e que non se lle dese contido político á comarca. ¿Como no se fai agora que tanto se fala da redución de concellos? ¿Que mellor cousa que mancomunar servizos comúns por comarcas, poñamos por caso? Na Terra de Soneira parece que os tres alcaldes actuais (Manuel V. Alonso de Camariñas, Manuel Antelo de Vimianzo e Manuel Muíño de Zas) algo intentaron, pero non sei se quedaría a cousa en auga de castañas. Sería un bo exemplo para todo Galicia se isto se lograse.

A festa polo recoñecemento oficial da comarca: os “Soneiráns de honra”

4. A festa polo recoñecemento oficial da comarca. copia

A festa polo recoñecemento oficial da comarca

Celebrouse na Praza do Concello de Vimianzo, e, segundo as crónicas, a ela asistiron unhas 400 persoas. Fora presidido polos tres alcaldes e presentado por Manuel Antelo Pazos (actual alcalde de Vimianzo), que empezara a súa intervención cun “¡Viva a Terra de Soneira!” para seguir dicindo que os sólidos argumentos presentados (históricos, xeográficos, cartográficos) botaran abaixo os argumentos dos autores do primeiro Mapa.

O momento máis emotivo fora cando se entregaran os pergamiños cos títulos de “Soneiráns de honra”: a Xosé Luís Acción (presidente da federación de asociacións de Zas), ós vimianceses Andrés Pose e Roberto Mouzo; ó zasense da Gándara Evaristo Domínguez e a quen subscribe. Tamén o recibira o escritor Manuel Rivas, que daquela residía na Irroa (Vimianzo), que o recibira de mans do alcalde Alejandro Rodríguez, quen adiantara que ía nomear a Rivas –que acababa de recibir o Premio Nacional de Literatura- fillo predilecto de Vimianzo (promesa que nunca se vería cumprida, quizais pola oposición do escritor a que os Penedos de Pasarela se convertesen nunha canteira).
Finalmente, e por sorpresa, os membros da organización tamén lle entregaron o pregamiño de “Soneirán de honra” ó muxián Moncho Gándara, concelleiro do BNG de Vimianzo, que fora o verdadeiro organizador na sombra do acto. Lembro que Moncho, coa súa flegma habitual, cando o foi recoller limitouse a dicir un lacónico “Moitas gracias”, sen máis requilorios. Moito teriamos outros que aprender del.

CONTINUAR LENDO (Parte II)

Case dúas décadas do recoñecemento oficial da Terra de Soneira no Mapa Comarcal de Galicia (II)

A-Terra-de-Soneira-oficial-e-a-historica-R.-Mouzo-Lavandeira-copia

O recoñecemento oficial da Terra de Soneira non ía en contra da unidade afectiva desta rexión xeográfica “fisterrá” (no senso amplo da palabra), co cabo de Fisterra –universalmente coñecido- como mascarón de proa, que se deu en chamar Costa da Morte. Todos sabemos que esta foi unha denominación inventada por xornalistas hai pouco máis dun cento de anos, sen base histórica ningunha. A Costa da Morte non é unha comarca: é un ente ou rexión xeográfica integrada, polo menos, por estas comarcas naturais (e históricas): Bergantiños, Terra de Soneira, Terra de Nemancos (a Xunta cambioulle o nome antigo por Comarca de Fisterra) e tamén Xallas (e mesmo o concello de Carnota, que forma parte da Comarca de Muros). Sempre me estrañou que se aceptase sen máis a denominación de Comarca de Fisterra para a Terra de Nemancos, cos mesmos 1.100 anos de antigüidade documental que a Terra de Soneira.

A Terra de Soneira, unha das comarcas da Costa da Morte

As comarcas da Costa da Morte (R. Mouzo Lavandeira en 'A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte') copia

As comarcas da Costa da Morte (R. Mouzo Lavandeira en ‘A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte’)

Aínda que poidamos caer no aforismo que empeza por “excusatio non petita…”, engadamos que daquela houbera quen nos acusara veladamente de “inventar” unha nova comarca. Nada máis lonxe da realidade. No noso longo Informe histórico de 15 folios demostramos que o nome de Terra de Soneira se viña utilizando polo menos desde había máis de mil anos (quizais desde a Prehistoria, pois a etimoloxía do nome, segundo os lingüistas, poida que proveña de *Sub Neria “a pé dos nerios, xunta ós nerios”; é dicir, que designaría un pobo da antigüidade que vivía ó lado dos nerios, habitantes estes da redonda dos cabos de Fisterra e de Touriñán).

Nos documentos en latín dos tempos medievais Soneira aparece coas formas Somnaria, Sonaria, Sunaria e Subnaria, pseudolatinismos que desembocarán nas formas Soneyra e Soneira. No ano 899 fálase do commisso de Sonaria (‘condado de Soneira’). E cómpre dicir que todo o actual concello de Laxe e a maior parte do de Cabana formaban parte da Soneira histórica. Soneira tamén aparece entre os arciprestados (comarcas eclesiásticas), xa desde polo menos o ano 1177.
A comarca nos documentos e na cartografía histórica

A 'Tierra de Soneyra' (con letras ben grandes) en 'Il Regno de Galicia' (1696), do italiano G. Cantelli da Vignola copia

A ‘Tierra de Soneyra’ (con letras ben grandes) en ‘Il Regno de Galicia’ (1696), do italiano G. Cantelli da Vignola

Á Terra de Soneira histórica pertencía todo o territorio do actual concello de Laxe e a maior parte do de Cabana, hoxe bergantiñáns. Un documento en latín do ano 1095 indica que “Burnario [Borneiro] est in territorio Subnaria”; outro do 1105 precisa que “Condines” [Cundíns] está “in Sunaria”; no ano 1189 cítase a freguesía de Cesullas e un hospicio de Neaño: “Cesulles et infantaticum de Neanio quos est in terra de Soneyra”; no 1334 a freguesía de San Pedro de Nantón tamén estaba “en terra de Soneyra”. Finalmente, xa dando un salto no tempo, a principios do séc. XVII, o frade A. Yepes, ne súa Crónica de la Orden de San Benito (Valladolid 1613-1615), fai constar que a freguesía de Santo Antoíño de Baíñas –que xeograficamente xa está na vertente do río Xallas- “era monasterio en Tierra de Soneira”.

No tocante á cartografía, os mapas do reino de Galicia a partir do séc. XVI non deixan de citar a Terra de Soneira, e con caracteres ben grandes, igualándo ás comarcas máis coñecidas de Galicia como «Tierra Deça», «Tierra de Ulloa», «Comarca de Lemos» etc.: a Descripción del Reyno de Galizia de F. Fer. Ojea (Anveres, 1598). Nestes mapas vese como o territorio soneirán era maior có actual, seguramente porque se fai coincidir co territorio da Xurisdición de Vimianzo, dos condes de Altamira.

Co nome de Gallaecia Regnum aparece outra mapa de F. Fer. Ojea de 1634, no que a extensión de Soneira é semellante á anterior e, o que son as cousas, nel o topónimo «Vergantiños» -ó igual que «Xallas»- semella unha aldea máis de Soneira; en troques, «Nemancos» é recoñecido como «Terra»

Quizais o mapa onde se amose con máis claridade a importancia da entidade comarca soneirá e a súa extensión fose Il Regno de Galicia (1696), do italiano G. Cantelli da Vignola.

No mapa do francés N. de Fer, Le Royaume de Galice. Province d’Espagne (1705), a «Tierra de Soneyra» é unha das dúas únicas comarcas galegas que se rexistran. E no mpa de I.B. Nolin e T. Rousseau titulado Le Royaume de Galice divisé en plusiers Territoires et les Asturies divisées en Asturie d’Oviedo et de Santillana (París 1762) o nome de «Tierra de Soneyra» vén con caracteres xigantescos, á altura de bisbarras tan famosas como a Liébana cántabra (téñase en conta o amplitude do mapa: de Galicia ó País Vasco).

Hai outros mapas máis, que detallamos na obra colectiva A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte (2010), entre eles o de Tomás López (1784) e, como non, a famosa Carta Geométrica de Galicia de Domingo Fontán (1834), quen, por certo, iniciara unha das primeiras medicións no pazo de Follente (Zas) en 1821 (véxase a recente obra Fontán, de Marcos Calveiro, Premio de Narrativa Breve Repsol 2015).
A obra A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte (2010)

portada do libro colectivo 'A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte' (2010) copia

Portada do libro colectivo ‘A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte’ (2010)

No noso libro colectivo (de Evaristo Domínguez, Xan Fernández Carrera, R. Mouzo, Xosé Mª Rei Lema e quen subscribe) A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte (Edicións Xerais, Vigo, 2010) introducimos nas primeiras páxinas todos estes documentos históricos, e tamén mapas. Esta obra fora cualificada polo editor, Manuell Bragado, un exemplo que se debía seguir en todas as comarcas de Galicia, pois constituía un estudo completísimo (mesmo se introducen temas pouco habituais coma os apelidos máis frecuentes, as particularidades lingüísticas, as asociacións culturais e deportivas…). “Se todas as comarcas tivesen un estudo tan completo coma este –dixera o editor na presentación en Baio e Vimianzo- Galicia sería outra”.

Non obstante, temos que confesar que foi outra das nosas (polo menos miñas) frustracións persoais,  pois tivo pouca repercusión e escaso éxito de vendas, segundo a editorial, pois nin sequera as tres corporacións municipais lle prestaron moita atención. Quen si lla prestou foi o IES Terra de Soneira de Vimianzo que a instituíu como agasallo para conferenciantes e visitantes ilustres ó centro. Xa só por iso valeu a pena o esforzo.

 

Viaxe ó sur de Alemaña 7

Por Xosé María Lema Suárez
7º día (Mittwoch / mércores 26 agosto)

Heidelberg – Colmar (292 km)

Heidelberg – Baden-Baden 90 km
Baden Baden – Estrasburgo 60 km
Estrasburgo – Friburgo 90 km
Friburgo – Colmar 52 km
TOTAL 292 km

No transcurso da viaxe de Heidelberg a Baden-Baden Antón G. Losada falounos sobre a “A Selva Negra e o Rin”, e Xela Cid, camiño de Estrasburgo, fixo un percorrido bibliográfico pola Selva Negra, a xente importante que naceu nesta zona, o bosque alemán, a ecoloxía alemá e galega (a importancia do Partido dos Verdes), os espazos protexidos de Alemaña e Galicia (moi “parecidos”, como ben se sabe) etc.

BADEN-BADEN **

-54.000 hab.

-é a estación termal máis importante de Alemaña (termas xa coñecidas polos romanos, Aquae Aureliae).

-no séc. XIX foi a ‘capital estival’ de Europa, frecuentada pola burguesía europea e por intelectuais coma Tolstoi, Nietzsche e Wagner. Fiodor Dostoievski e Johannes Brahms residiron aquí varios anos. Nesta centuria xurdiron grandes establecementos termais, teatro, hipódromo e un dos casinos máis luxosos do mundo. Tras a IIGM foi sede das forzas francesas de ocupación.

-situada no val do Oos, entre as últimas elevacións da Selva Negra (Schwarzwald) e o val do Rin.

O río Oos de Baden-Baden (e Manolo tamén, claro)

O río Oos de Baden-Baden (e Manolo tamén, claro)

Visitas

-o Castelo Novo (Neues Schloss), edificio de finais do séc. XIV sobre o antigo castelo. Situado no outeiro da Florentinerberg e rodeado de maxestosos xardíns. Pódese pasear pola terraza exterior, pois o xardín é privado.

-o Castelo Vello (Altes Schloss) ou Castelo de Hohenbaden data do séc. XII. Atópase en ruínas, pois os seus propietarios –os mesmos do castelo novo- non o reconstruíron tras o incendio sufrido en 1559.

-a Kurhaus*, pazo neoclásico de principios do séc. XIX (1821-1824), que acubilla o luxoso Casino de Baden-Baden, famoso polos decorados do interior, inspirados en pazos franceses, e polos persoeiros que o frecuentaron. Estivemos na entrada do Casino e, ó nos escoitar falar, saudounos unha empregada italiana, que sabía de Galicia porque a súa mellor amiga era galega de Lugo. Por certo, que a italiana aínda debe estar debullando a lección-express que de Galicia lle deu Arturo Novo.

A Kurhaus (Casino) de Baden- Baden [XMLS]

A Kurhaus (Casino) de Baden- Baden [XMLS]

-o Lichtenthaler Allee**, paseo axardinado trazado en 1655 pola beira do río Oos, con máis de 300 variedades de árbores e instalación deportivas. Desde sempre foi un dos lugares máis frecuentados pola burguesía, antes e agora. Preto atópase o parque Gönneranlage, de principios do séc. XX, con fontes e pérgolas.

-a Stiftskirche é unha igrexa de estilo gótico do séc. XV, onde se enterraban os margraves de Baden. A alta torre é do séc. XVIII, barroca (coma o interior).

Os casinos, mellor desde fóra, ¿non si Arturo?

Os casinos, mellor desde fóra, ¿non si Arturo?

-as ruínas do Balneario Romano son un museo da antiga cultura do baño. Atópase debaixo da praza do Mercado e do balneario Friedrichsbad. Con case dous mil anos de antigüidade son unha das instalacións balnearias mellor conservadas. Tamén se conserva parte das murallas romanas.

Tanto a estación termal de Friedrichsbad como as Termas de Caracalla teñen modernísimas instalacións para o baño.

FRIBURGO DE BRISGOVIA

(FREIBURG IM BREISGAU)**

-212.000 hab.

-cualificada como a máis fermosa e célebre cidade da Alemaña suroccidental, espállase polas ladeiras occidentais da Selva Negra e a chaira do Rin.

-a zona antiga coas famosas canles de auga (Bächle) que atravesan a cidade é destino duns tres millóns de visitantes anuais. A cidade considérase a porta de entrada á Selva Negra; conta cun clima morno e solleiro. Considérase a capital da ecoloxía alemá.

-é famosa a súa universidade, fundada en 1457.

A Kaufhaus, da praza da catedral (XMLS)

A Kaufhaus, da praza da catedral (XMLS)

Visitas

-a Catedral (Münster)** está dedicada á Virxe e é un dos edificios góticos máis importantes de Alemaña. Construíuse en tres etapas entre 1120 e 1513. É de estilo gótico, pero de diferentes épocas. A torre-campanario (do ano 1350), de planta cadrada, ten forma de pirámide octogonal que se eleva ata os 116 m de altura.

Imaxe de Santiago peregrino, no pórtico da catedral de Friburg (XMLS)

Imaxe de Santiago peregrino, no pórtico da catedral de Friburg (XMLS)

-a praza da Catedral (Münsterplatz)* está formada por notables edificios históricos: unha fonte de 1483 (a Fischbrunnen), o Pazo Arcebispal (1756), a Kaufhaus* (casa de 1525-1532 cunha fachada decorada con estatuas dos emperadores da casa Habsburgo, feitas en 1534), a Wenzigerhaus, casa rococó de 1761.

-no convento dos Agostiños está o Museo de Arte e Historia da Cidade (Augustinermuseum).

-a Rathusplatz* é a praza principal e máis fermosa da cidade. Nela atópase a estatua de Berthold Schwarz, o monxe ó que se atribúe a invención da pólvora para disparar (por volta do ano 1330).

-arredor desta praza atópanse edificios notables, coma o Neus Rathaus (‘Casa Nova do Concello’), obra de entre 1896-1900, e o Altes Rathaus (‘Casa Antiga do Concello’), ergueita entre 1556-1559. Á esquerda da igrexa franciscana de San Martiño atópase a Walfish* (‘Casa da Balea’), construída en 1516, cun elegante pórtico e portada gótica tardía.

Capital da ecoloxía. – Friburgo e tamén moi visitada por persoas interesadas nas enerxías renovables e nas políticas de desenvolvemento, debido ó grande éxito que tiveron na cidade e tamén no länder. A cidade posúe a o maior número de instalacións ambientais da Unión Europea. Como é a cidade con maior número de horas de sol de Alemaña, aquí ten a súa sede a Sociedade Internacional de Enerxía Solar (ISES) e conta co Instituto Fraunhofer para sistemas de enerxía solar. Cada ano celébrase en xuño Intersolar, a maior feira de enerxía solar. Ademais, o medio predominante de transporte é aquí a bicicleta: a cidade integra un circuíto para ciclistas cun total de 400 km de lonxitude. O termo municipal conta cunha superficie total de 15.300 ha, das 6.333 ha son de bosque.

O clan carballés, na praza da catedral [XMLS]

O clan carballés, na praza da catedral [XMLS]

-a 30 km, preto de Rust bei Freiburg, está o Europa-Park, parque temático de diversión para os rapaces. É famosa a mascota do parque, Euro-Maus, e todos os seus amigos. Tamén hai espectáculos para adultos, como o Gladiator Stunt Show, con carreiras de cuádrigas e combates de gladiadores-.

Entrando nesta cidade falamos do noso paisano da Piolla (Nantón-Cabana) Xosé Manuel García Álvarez, casado con Elisabeth Schaible, natural de Freiburg. Os dous viviron durante anos nesta cidade e deron clase na súa universidade. Cando se creou a TVG (contra 1984) decidiron vir para Galicia, pois a Pepe ofrecéranlle o cargo de director do Arquivo da TVG, que estivo ó seu cargo ata que se xubilou hai uns poucos anos. Elisabeth segue sendo profesora de alemán na USC. Xosé Manuel García estudara na Universidade Pontificia de Roma co baiés Uxío Romero Pose (1949-2007), bispo auxiliar de Madrid de 1997 á súa morte; despois tamén en Montpellier e Freiburg im Brisgau, onde sería, durante oito anos, Wissenschaftlicher Assistent para Historia. Foi coautor do Diccionario dos Nomes Galegos (Ed. Ir Indo, 1992), dirixido por X. Ferro Ruibal, e con Elisabeth Schaible ou en solitario traduciu do galego ou ó galego obras do castelán, alemán, italiano e portugués en materias como literatura, sociedade , lingüística ou historia. Traduciu, entre outros, a E. Kant e ó escritor checo de fala alemá Franz Kafka (A Metamorfose). Destaca a súa tradución d’A ética protestante e o «espírito» do capitalismo (USC/Fundación BBVA, 2006), obra do filósofo alemán Max Weber (1864-1920) na que se trata de explicar o maior desenvolvemento económico dos países protestantes do norte de Europa, propagadores do capitalismo moderno, fronte ós católicos do sur.

Casa onde viviu o humanista Erasmo de Rotterdam (sé XVI)

Casa onde viviu o humanista
Erasmo de Rotterdam (sé XVI)

Unha das traducións do nantonés Xosé M. García do alemán ó galego

Unha das traducións do nantonés
Xosé M. García do alemán ó galego

ALSACIA (FRANCIA)

ESTRASBURGO***

(STROSSBURI, en alsaciano; STRASSBURG en alemán; STRASBOURG en francés)

-272.000 hab., pero a súa área urbana abarca unha poboación de 1.175.000 hab, estendendo a súa influencia ás localidades próximas de Alemaña.

-capital de Alsacia e do departamento francés do Baixo Rin, sede do Parlamento Europeo e do Consello de Europa. Cidade universitaria con máis de 58.000 estudantes.

-rango cultural moi elevado, con teatro, biblioteca, orquestra e ópera.

-no eido económico, é a segunda praza bancaria de Francia cunha bolsa e seis sedes bancarias. O sector industrial é tamén moi importante.

-é a oitava cidade a nivel mundial en organización de congresos, por detrás de Madrid e por diante de Barcelona.

Catedral de Estrasburgo

Catedral de Estrasburgo

Historia

A cidade, bañada polo río Ill (afluente do Rin), é de orixe romana; foi fundada no ano 12 aC polo xeneral Druso o Maior a partir dun campamento para as lexións, que recibiu o nome de Argentoratum (‘Arxentina’). Malia seren derrotaron na batalla de Argentoratum no ano 357, o pobo xermánico dos alamáns ocuparon a zona no ano 406; Argentoratum foi destruída polos hunos de Atila no 451, e contra o 500 foi reconstruída polos francos merovinxios de Clodoveo I, que a bautizaron como Strateburgus, reinstaurando un bispado que tivera anteriormente.

ano 800: Estrasburgo forma parte do Sacro Imperio Romano Xermánico de Carlomagno. Este morre no 813 e sucédeo o seu fillo Ludovico Pío, cun reinado moi convulso, cheo de rebelións . Á súa morte o imperio carolinxio dividirase entre os fillos de Ludovico (netos de Carlomagno): Carlos o Calvo, Luís o Xermánico e Lotario.

ano 842: os Xuramentos de Estrasburgo (Sacramenta Argentariae) foron uns xuramentos de axuda mutua entre Carlos o Calvo e Luís o Xermánico contra o seu outro irmán Lotario. Teñen a particularidade de que son os documentos máis antigos que se conservan do antigo francés (‘romana lingua’) e do antigo alemán (‘teudisca lingua’); o seu carácter bilingüe proba a existencia de grupos lingüísticos diferenciados, orixe das linguas francesa e alemá.

Catedral de Estrasburgo

Rosetón da catedral de Estrasburgo (XMLS)

ano 843: Tratado de Verdún, polo que queda dividido o Imperio carolinxio en tres reinos: Carlos o Calvo recibe a parte occidental (orixe da actual Francia), Lotario recibe a zona central (a Lotarinxia: desde o mar do Norte –a Renania, os Alpes e Italia-) e Luís o Xermánico a parte oriental (Xermania, orixe da actual Alemaña). A Lotarinxia conservaba a dignidade imperial, nominalmente. Estrasburgo e Alsacia quedaron dentro da Lotarinxia, pero máis adiante integraríase na Xermania, abrindo un período de influencia do ámbito xermánico ata que Alsacia e a súa capital quedaron anexionadas a Francia no séc. XVII.

ano 982: o emperador Otón II concédelle ó bispo de Estrasburgo a autoridade sobre o conxunto da cidade e arredores.

-durante séculos haberá loitas entre a poderosa burguesía da cidade e os bispos. En 1262 o bispo Walter de Geroldseck foi derrotado na batalla de Hausbergen e Estrasburgo pasa de ser cidade dominada polo señorío feudal eclesiástico a cidade libre do Imperio, rango que a equipara en privilexios a outras cidades alemás.

-en 1681 as tropas de Luís XIV anexionaron Alsacia á coroa de Francia, momento en que pasaron a ser francesas ata a Guerra franco-prusiana (1870), cando volveu a ser alemá ata final da Iª Guerra Mundial, en que volveu a Francia (22-11-1918).

Rosetón da catedral de Estrasburgo (XMLS)

Rosetón da catedral de Estrasburgo (XMLS)

-o 19-6-1940 a tropas alemás entraron en Estrasburgo. A cidade, anexionada de novo a Alemaña, foi designada capital de Alsacia dentro do III Reich. Os nazis e os colaboracionistas alsacianos destruíron a sinagoga xudía –que era unha das maiores de Europa- e en 1942 decidiuse a incorporación forzada masiva de milleiros de mozos alsacianos ó exército alemán (episodio do Malgré Nous ‘ó noso pesar’). Moitos destes mozos alsacianos foron enviados á fronte rusa. No cercano campo de concentración de Struthof-Naztweiler o médico dos SS August Hirt realizou experimentos criminais cos prisioneiros de guerra. Foi o primeiro dos campos de exterminio descuberto polos aliados (novembro 1944). A partir de 1943 a cidade sofre bombardeos da aviación aliada; o de agosto de 1944 afectou ó seu centro histórico.

Visitas en Estrasburgo

A Grande Île (‘a Grande Illa’) –ou Elipse insular, pola súa forma- é o centro histórico de Estrasburgo, declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade en 1988 por ser exemplo de barrio antigo de cidade medieval. Para marcar este status hai 22 placas de latón colocadas nas pontes que permiten acceder á illa.

Vista parcial da Grande Île de Estrasburgo (XMLS)

Vista parcial da Grande Île de Estrasburgo (XMLS)

O principal edificio da Grande Île é a catedral de Nôtre Dame***, iniciada no séc. XI, aínda que a maior parte da construción data do séc. XV (estilo gótico). Trátase da cuarta igrexa do mundo en altura. Destaca a fachada***, cun magnífico rosetón; o tímpano da portada central conta con escenas bíblicas en catro rexistros; o tímpano da portada dereita representa a parábola das virxes sabias e as virxes necias; na portada esquerda as esveltas esculturas personalizan as virtudes triunfando sobre os vicios.

Desde o miradoiro da frecha da torre da esquerda hai estupendas vistas.

A portada do Reloxo (séc. XIII) atópase no lado dereito da catedral: rodeando a figura de Salomón a Igrexa sostén a cruz e o cáliz, mentres que a Sinagoga se inclina intentando recoller anacos dunha lanza e das táboas da Lei, que caen das mans. No tímpano do pórtico represéntase a Durmición da Virxe**.

No interior da catedral, ademais das vidreiras, o púlpito e o órgano atópase o famoso Reloxo astronómico (1838), no que se representan os días da semana como carros no que viaxan as divindades e que se van asomando por enriba do reloxo; cada cuarto de hora unha serie de autómatas golpean as campás, mentres que a Morte é a que dá as horas. Ás 12,30 h ten lugar un gran desfile na parte alta do reloxo. Hai tamén desfile dos apóstolos. Para ver todo isto hai que presentarse ás 11,45 h e hai que pagar 2 €.

Barcaza de turistas pasando por baixo a ponte xiratoria aberta dunha das canles (XMLS)

Barcaza de turistas pasando por baixo a ponte xiratoria aberta
dunha das canles (XMLS)

Á esquerda da catedral, a Maison Kammerzell é unha xoia da arquitectura en madeira decorada con frescos no seu interior. Toda esta zona é de rúas de trazado medieval.

Hai outras igrexas coma a de Sto Estevo (St.Etienne) -románica, parcialmente destruída durante os bombardeos de 1944-; a de San Tomé, románico-gótica; a de San Pedro o Mozo –protestante, de estilo gótico, cunha cripta do séc. V- e a de San Pedro o Vello –neogótica, católica, aínda que hai outra co mesmo nome que é protestante-.

Preto destas últimas igrexas atópase La Petite France**, que no seu tempo foi barrio de pescadores, curtidores e muiñeiros. É unha zona con pontes sobre illas do río Ill, con exclusas, muíños etc. (Le Quai des Ponts-Couverts ‘O Peirao das Pontes Cubertas’).

Hai museos no Palacio Rohan (edificio neoclásico do séc. XVIII). O Museo Alsaciano é un museo de corte etnográfico que reconstrúe interiores de casas alsacianas, un laboratorio dun boticario alquimista etc.

Na gastronomía alsaciana ten sona o choucroute, o foie-gras, os viños alsacianos e os augardentes.

No Peirao das Pontes Cubertas, de La Petit France [XMLS]

No Peirao das Pontes Cubertas, de La Petit France [XMLS]

As institucións europeas

Por ser historicamente unha cidade disputada por Francia e Alemaña e pola súa situación xeográfica central, Estrasburgo é sede de institucións e organismos da UE e do Consello de Europa.

Un dos edificios dependentes do Parlamento Europeo, que puidemos ver "medio clandestinamente" (estaba prohibido o paso) [XMLS]

Un dos edificios dependentes do Parlamento Europeo, que puidemos ver “medio clandestinamente” (estaba prohibido o paso) [XMLS]

A cidade é considerada a capital da UE, aínda que organismos e axencias da UE teñen a súa sede noutras cidades (p.ex., o Banco Central Europeo, en Fránkfurt; o Banco Europeo de investimentos en Luxemburgo).

Estrasburgo é a sede do Parlamento Europeo (onde se celebran as sesións plenarias), do Eurocorpo, do Europol (centro de información), da Corte Europea dos Dereitos Humanos, e doutras 22 institucións europeas, coma o Consello de Europa.

Os edificios administrativos atópanse no chamado Barrio Europeo, propiedade da cidade.

A cidade simboliza a reconciliación franco-alemá, que se ve plasmada no Jardin des deus rives (‘Xardín das dúas ribeiras’).

COLMAR***

Trátase dunha cidade antiga (de 67.000 hab), ben conservada, que conta con edificios de gran tamaño de estilo gótico alemán e do primeiro renacemento, así como igrexas antigas, como a de San Martiño, colexiata do séc. XIII.

Entre os lugares para visitar, a Praza da Antiga Aduana (Ancienne Douanne / Kolfhus)*, con construcións con trama de madeira, entre elas a chamada Casa do Ferro Candente.

Reprodución a escala, nunha rotonda á entrada de Colmar, da Estatua da Liberdade de Bartholdi [XMLS]

Reprodución a escala, nunha rotonda á entrada de Colmar, da Estatua da Liberdade de Bartholdi [XMLS]

-a Maison Pfister**, construída en 1537, con fachada pintada; a casa que pertenceu ó pintor Schongauer (Casa da Viola), do séc. XV, e a Casa do Cisne (onde viviu o pintor).

Entre os museos: o Museo Bartholdi (August Bartholdi, o escultor que fixo a Estatua da Liberdade de Nova York, naceu en Colmar en 1834); nunha das rotondas de entrada á cidade hai unha reprodución a unha escala sensiblemente menor desta famosa estatua. Tamén é interesante o Museo de Unterlinden, co retablo de Ussenheim***, realizado entre 1500-1515 por Mathias Grünewald (dun realismo moi cru).

-Museo Animado do Xoguete e dos trens de xoguete (para ir con nenos).

-Unha vez ó ano, no mes de agosto, Colmar celebra a Feira dos Viños.

Pouco puidemos ver desta cidade, pois chegamos á tardiña. Ceamos (con viño branco alsaciano, en vez da cervexa habitual de toda a viaxe) e xa fomos descansar. Pola mañá veriamos, nunha rotonda, unha reprodución a escala da estatua da Liberdade de Nova York, destinada a lembrar que o seu autor era colmarés.

Ruta dos Viños alsacianos: entre Estrasbusrgo e Colmar, nun val situado ó oeste da autoestrada que une estas dúas cidades (en concreto: de Marlenheim a Thann).

Dúas décadas da reaparición no mapa da Terra de Soneira

Xa van 19 anos, certo: o 20 de febreiro de 1997 deuse a noticia de que o Gabinete de Planificación da Xunta de Galicia dera por bo o longo informe de 15 folios que Evaristo Domínguez, Roberto Mouzo, A.Pose e Xosé María Lema elaboraran e que os Concellos de Camariñas, Vimianzo e Zas refrendaran por unanimidade nos seus plenos. A unanimidade na reclamación valeu moito. Foi un triunfo (colectivo) inesperado. No libro colectivo A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte (Xerais, 2010) explicamos o proceso e os motivos polos que unha comarca milenaria como a Terra de Soneira non podía quedar no esquecemento. En contra do que moitos pensan, a Costa da Morte non é unha comarca, senón unha rexión xeográfica como as Rías Baixas ou Altas; esta rexión co cabo de Fisterra como mascarón de proa estaría integrada polas comarcas históricas de Bergantiños, Terra de Soneira, comarca de Fisterra (ou Terra de Nemancos) e mesmo Xallas (a vella Trastámara). En fin, que o “Mapa Comarcal de Galicia” definitivo sairía publicado no DOG o 3-4-1997 e a festa popular sería o 14 de marzo en Vimianzo, organizada polo “argalleiro” maior da comarca, Moncho Gándara (que tamén recibiría o seu diploma, ben merecido). Reconforta rememorar pequenos triunfos. 

Xosé María Lema Suárez.
terra de soneira

Mapa da Terra de Soneira (autor: Roberto Mouzo, en: A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte, Eds. Xerais, 2010)

Estes días podemos ler artigos sobre o asunto en www.quepasanacosta.gal e www.lavozdegalicia.es

Case dúas décadas do recoñecemento oficial da Terra de Soneira no Mapa Comarcal de Galicia (I)

Por Xosé María Lema Suárez

 

La lucha por el reconocimiento de Terra de Soneira en el reparto comarcal tuvo un éxito nominal

Por Juan Ventura Lado

 

Viaxe ó sur de Alemaña 6

 

6º día (Dienstag / martes 25 agosto)

Bad-Windsheim – Rothenburg – Heidelberg ( 176 km)

Bad-Windsheim – Rothenberg ob der Tauber 26 km
Rothenburg ob der Tauber-Heidelberg 150 km
TOTAL 176 km

ROTHENBURG OB DER TAUBER**

Tras o almorzo, en pouco tempo puxémonos nesta cidade de arredor duns 12.000 hab., situada nun lugar desde o que domina o río Tauber, na Romantische Strasse; a súa principal atracción turística está no ben conservado centro medieval.

A muralla cuberta de Rothenburg (foto XMLS)

A muralla cuberta de Rothenburg (foto XMLS)

Historia

Nun promontorio sobre o río, nos xardíns hoxe chamados de Burggarten, construíuse en 1142 o castelo imperial da casa Hohenstaufen, a carón do cal medrou unha vila amurallada que en 1274 obtivo a rango de cidade libre do Sacro Imperio.

-tras o terremoto de 1356 construíronse as murallas actuais e moitos dos principais monumentos.

O Grolo Mestre (Meistertrunk):: en 1631, durante a Guerra dos Trinta Anos, a cidade foi tomada polos suecos, ó mando do conde de Tilly, quen fixo prisioneiros ós concelleiros da cidade, condenounos  a morte e ordenou que a cidade fose incendiada. O alcalde deulle como ofreza de benvida viño servido nun colorido vaso de vidro de tres litros e medio. Tilly ofreceu respectar a cidade se alguén era capaz de beber o viño da xerra nun único grolo. O alcalde, Georg Musch, ofreceuse e deu bebido todo o viño nun só grolo, co cal a cidade foi salvada da destrución. Este feito deu lugar a unha festa, a Meistertrunk (‘grolo mestre’) que se celebra en distintos momentos do ano, entre maio e outubro.

DSC07951

Testemuño dun doador xaponés na rolda das murallas de Rothenburg (XMLS)

Despois de que, en 1650, as últimas tropas abandonasen a cidade, o seu desenvolvemento quedou paralizado, e ese foi a razón de que se conservasen moitos edificios desta época.

En 1803 pasou a formar parte do Estado libre de Baviera, e a partir de entón foi destino turístico para ingleses e franceses.

No séc. XX, no período de entreguerras, foi un bastión do incipiente partido nazi (nas eleccións de 1933 este partido recibiu o 83 % dos votos dos seus cidadáns).

O 31-03-1945 foi bombardeada pola aviación americana, que destruíu o 40 % da cidade, pero a destrución apenas afectou ós edificios históricos, que foron reconstruídos ó remate da guerra.

Cóntase que o 17-04-1945, a piques de finalizar a IIGM, o xeneral americano Devers deu orde de que a artillería atacase a cidade, pero esta foi salvada por outro oficial americano, John McCloy, que, como sabía pola súa nai da beleza medieval da cidade, foi remiso a destruíla sen máis e pediu permiso para solicitar a rendición antes do ataque; o comandante rexional alemán rexeitou a oferta, pero o maior alemán Thömmes, que estaba ó mando das tropas de defensa, ignorou esta orde e rendeu a cidade.

Semella unha lenda urbana, pero, como dirían os italianos, “si non è vero, è ben trovatto”.

DSC07961

Casa do Concello e praza Maior (XMLS)

Visita

Hoxe en día o turismo é a base da economía de Rothenburg (turistas de todo o mundo, xaponeses en particular): rúas estreitas, prazas pequenas, edificios antigos ben conservados… Pasou a ser a imaxe da Alemaña romántica. O conxunto da esquina da praciña Plönlein –na Schmiedgasse- é unha das imaxes máis recoñecidas de Alemaña. Polo seu aspecto medieval a cidade apareceu en varios filmes: Chitty Chitty Bang BangPinoccio de Disney etc.

A maior parte dos visitantes percorremos a pé ocamiño de rolda das murallas dos séculos XIV e XV, con 43 torres. Todo ou en parte. Observamos que nelas había pedras con nomes inscritos, pertencentes a persoas de diversos países do mundo, particularmente xaponeses, pero tamén norteamericanos, alemáns etc. Seguramente foron doadores, persoas que colaboraron economicamente cunha importante cantidade para a restauración e conservacións das murallas. Un método que tamén se podería poñer a andar en Galicia.

Vista parcial de Rothenburg desde a torre branca do Concello (XMLS)

Vista parcial de Rothenburg desde a torre branca do Concello (XMLS)

As guías recomendan entrar pola porta Röder Tor (E.), para seguir cara ó norte para chegar á Würzburger Tor (despois de pasar por outras dúas); no extremo NO atópase a Klinger Tor (con bos miradoiros); diante da porta, a igrexa Wolfgangskirche (de 1475).

Polo lado O. atopamos outras tres torres, ata chegar á porta fortificada de Burgtor, cunha alta torre. No Burgggaten*, o xardín do montículo penedío sobre o río Tauber, atópase a Blausiuskapelle, único resto da fortaleza imperial do séc. XIII, na actualidade dedicada ós Caídos. Desde alí hai un boa perspectiva sobre o río: na beira do río vese a torre Topplerschlösschen (de 1388) e a ponte Doppelbrücke sobre o Tauber (sécs. XIV-XV), e logo o santuario de Kobolzellerkirche, de estilo gótico serodio.

Igrexa gótica de St. Jacob (Santiago) [XMLS]

Igrexa gótica de St. Jacob (Santiago) [XMLS]

Continuando polo lado sur chegamos á torre Johanniterturn, situada fronte á igrexa gótica Johanniskirche (finais séc. XIV). No edificio do antigo mosteiro, reconstruído en 1718, ten a súa sede o Mittelalterliches Kriminal Museum (‘Museo da Criminoloxía e da Tortura’), visitable (hai que pagar); no exterior hai unha gaiola de ferro para a exposición pública dos condenados, quizais ata a súa morte (lembra a “armadura de forca”, que existía en Tilbury, na entrada do porto de Londres para escarmento dos piratas e corsarios), un carro-prisión para transportar presos e un aparello para as decapitacións.

Continuando cara ó sur pola rúa Untere Schmiedgasse ataPlönlein** (< lat. planum) hai unha encrucillada de rúas entre casas de trabes entrelazadas e unha fonte; á dereita, en descenso, a poderosa torre cadrada Kobolzeller Tor (séc. XIII), e outra cadrada máis, a Kohlturn.

Se desexamos continuar pola estreita prolongación cara ó sur pola rúa Spitalgasse chegaremos ó Spital**, un grande hospital construído entre 1574 e 1591 por L. Weidmann.

A cidade antiga e a nova (ó fondo) de Rothenburg (XMLS)

A cidade antiga e a nova (ó fondo) de Rothenburg (XMLS)

Volvendo ó centro da cidade polas rúas citadas, naMarktplatz (‘Praza Maior’) atópase o Rathaus(Casa do Concello), o edificio máis fermoso, cunha parte renacentista (1572-1578) –a que mira á praza-, porticada e con galería no alto, unha torre cun miradoiro na esquina; a parte que mira á rúa Herrngasse é gótica do séc. XIII, cunha torre do séc. XVI. No interior, hai unhas salas renacentistas e a sala gótica Kaisersaal, ligada ó recordo da Meistertrunk.

Na visita que fixemos á Casa do Concello quixemos entrar na Kaisersaal -dedicada ó Grolo Mestre-, pero estaba pechada ós visitantes. Preguntamos e indicóusenos que só se abría con ocasión das celebracións, pois o do Grolo era un evento cultural periódico.

As vistas desde a torre da Casa do Concello son espléndidas, pero o tramo derradeiro para acceder á parte máis alta é de bastante dificultade. A subida é gratis ata este tramo, que é o que se cobra (2 € por persoa; hai unha funcionaria alí atendendo). Trátase dunha esqueira de madeira disposta verticalmente, duns dez ou doce chanzos. Se dificultoso é o ascenso pola estreitura do oco, aínda máis o é a baixada, pois hai que descender de recú e atoutiñando onde se colocan os pés, ata tocar o chanzo superior. O espazo ó aire libre, ben protexido por unha varanda de metal, é moi estreito, non recomendable para as persoas con certo exceso de peso, pois dificilmente non caben polo portelo de entrada.

A Marktplatz desde a torre da Casa do Concello (XMLS)

A Marktplatz desde a torre da Casa do Concello (XMLS)

-á dereita da Rathaus atópase a antiga adega Ratstrinkstube (de 1466), cun reloxo que se pon en movemento case a cada hora cunhas figuriñas que reconstrúen a historia da Meistertrunk.

rúa Herrngasse é a máis bonita; ábrese entre palacetes de diferentes épocas, e nela hai unha fonte do séc. XV (a Herrnbrunnen) e unha antiga igrexa gótica franciscana (Franziskanerkirche), hoxe evanxélica. Ó norte da Casa do Concello tamén hai unha igrexa de considerables dimensións dedicada a Santiago (St. Jakob**), de estilo gótico do séc. XV. No exterior, na lado sur, hai unha esvelta escultura de bronce dun Santiago peregrino, bastante moderna, co seu chapeu de amplas abas, a cabaza atada ó cinto, unha cuncha de vieira na man esquerda e un longo caxato na dereita. Xunto coa do exterior da igrexa de Augsburgo é a segunda escultura moderna que atopamos de Santiago peregrino, o que pode dar a entender que recentemente houbo unha recuperación das peregrinacións xacobeas desde Alemaña.

A gaiola do Museo da Tortura (XMLS)

A gaiola do Museo da Tortura (XMLS)

O carro-gaiola do Museo da Tortura (XMLS)

O carro-gaiola do Museo da Tortura (XMLS)

Saímos despois en direccións a Heidelberg. No longo traxecto (150 km), no que Pablo nos levou en boa parte por estradas secundarias –así tamén puidemos ver tamén a Alemaña “profunda”, que é de supoñer que tamén exista-, Xosé M. Penas Patiño, que se preocupara de facer as correspondentes fotocopias en Núremberg, deunos outra magnífica charla centrada tres ornitólogos alemáns -Johann F. Naumann (1780-1857), Konrad Lorenz (1903-1989) e Eduard Rüppell (1794-1884) e outros científicos coma Friedrich H. von Humboldt (1769-1859) e Alfred Lothar Wegener (1880-1930), o da teoría da deriva dos continentes. Sobre Von Humboldt tamén falaría Antón G. Losada, pois, segundo o diario da viaxe que o científico emprendeu cara a América desde o porto da Coruña, o último anaco de terra que viu do continente europeo seica foi a illa Sisarga de Malpica: “el último objeto que vieron sus ojos del Viejo Mundo” (Humboldt y el cosmos. Vida, obra y viajes de un hombre universal (1769-1859); Ediciones del Serbal, 1982, páx. 58).

Non fomos todo por autoestradas, pois o intrépido condutor Pablo Bustelo tamén nos aventurou por estradas secundarias, coma esta de Rothenburg a Heidelberg (XMLS)

Non fomos todo por autoestradas, pois o intrépido condutor Pablo Bustelo tamén nos aventurou por estradas secundarias, coma esta de Rothenburg a Heidelberg (XMLS)

HEIDELBERG**

-143.000 hab.

Situada nas beiras do río Neckar (afluente do Rin), nunha das zonas máis cálidas de Alemaña, é unha cidade famosa polo seu centro histórico e por ter a universidade máis antiga de Alemaña (fundada en 1386). Ten augas termais, que tamén atrae o turismo. Tamén é coñecida polo descubrimento, en 1907, da mandíbula do ‘home de Heidelberg’, que habitou este lugar hai 600.000 anos.

Algo de historia

No séc. V a.C. existía neste lugar unha fortaleza celta. No ano 40 d.C. instalouse un campamento permanente e construíuse unha ponte de madeira sobre o río. No ano 260 o campamento foi conquistado polos pobo xermanos.

No ano 863 fundouse o mosteiro de San Miguel no Heiligenberg, no interior da dobre muralla da fortaleza celta. No ano 1115 o castelo de Heidelberg pasa á casa de Hohenstaufen. No 1225 Luís I, duque de Baviera, obtivo o Palatinado e, polo tanto, tamén o castelo.

O ano 1386 Ruperto I, elector do Palatinado, funda a Universidade de Heidelberg, que andando o tempo desempeñará un papel importante na época do humanismo e a Reforma, e tamén no conflito entre o luteranismo e o calvinismo. En 1518, uns meses despois de facer públicas as 95 teses contra as indulxencias, Martiño Lutero foi recibido en Heidelberg para a súa defensa. En 1555 a cidade pasouse ó calvinismo e veríase inmersa na Guerra dos Trinta Anos; foi devastada polos franceses en 1689 e en 1693, e máis tarde reconstruída (casas de estilo barroco). A biblioteca de Heidelberg, fundada en 1421, é a biblioteca pública máis antiga de Alemaña que aínda permanece intacta. Está considerada tamén un dos berces do Romanticismo alemán.

1933-45: Heidelberg foi unha das prazas fortes do partido Nazi, que era o máis votado nas eleccións. Entre 1934-35 o réxime construíu un grande anfiteatro en Heiligenberg para celebrar os acontecementos das SS. A cidade non fora bombardeada durante a IIGM por non ser centro industrial Rematada a guerra, morrería aquí o xeneral americano Patton, en accidente de tráfico.

O castelo de Heidelberg (XMLS)

O castelo de Heidelberg (XMLS)

Visitas

castelo (Schloss)** atópase na parte alta da cidade, no lado sur. Hai desde alí fermosas vista da cidade e do río. Puidemos acceder a el polo funicular, pois ós autobuses estalles prohibido. O billete do funicular (12 € ida e volta) permite tamén a visita á Botica do castelo e ás dúas grandes cubas do bar-restaurante.

Plano da cidade

Plano da cidade

O castelo foi construído contra o 1400 polo príncipe elector e rei de Alemaña Ruperto III, para logo ilo ampliando. Foi semidestruído polos franceses en 1689 e 1693. A través da torre da Portada (TorTurm), de forma cadrada, do ano 1530, accédese a un patio interior, con fachadas renacentistas. Entrando veremos a Fassbau, bodega construída entre 1583-1592 que conta cunha enorme cuba, a Grosses Fass*, construída en 1751 cunha capacidade de 220.000 litros; hai outra máis antiga, a Kleiness Fass*, de “tan só” 45.000 litros (do ano 1664).

Polo lado norte esténdese o Friedriechsbau*, pazo renacentista mandado construír por Frederico IV entre 1592-1610.

No lado leste atópase a xoia do castelo, o Ottheinrichsbau**, pazo mandado construír polo príncipe elector Otón Henrique entre 1556-1559. É unha obra mestra do renacemento alemán, con exuberante decoración dun artista flamengo. Neste edifico instalouse un valioso Museo de Botica (oDeutsches Apotheken Museum), con valiosos mobles do séc. XVIII e unha colección de receitas antigas. A Apotheken Turn presta acubillo a un antigo laboratorio de alquimia.

Vista de Heidelberg desde o Castelo, coa ponte vella sobre o río Necker (XMLS)

Vista de Heidelberg desde o Castelo, coa ponte vella sobre o río Necker (XMLS)

rúa principal da cidade é aHauptstrasse*(uns 2 km de longo), que conta con edificios interesantes, como a Haus zum Riesen (a ‘Casa do Xigante’) de 1707.  Fronte a ela, a Friedrichsbau (1863), sede de institutos universitarios; na rúa Karpfengasse atópase o Kongresshaus, construído en 1901 pero reconstruído en 1990; máis adiante atópase a Providenzkirche(‘igrexa da Providencia’), así chamada polo lema ‘Dominus providebit’ (‘Deus proverá’), lema do príncipe elector Carlos Luís, que a mandara erixir en 1661.

33. Botica (Apotheke) do castelo de Heidelberg

A antiga botica do castelo de Heidelberg (XMLS)

O edificio da Alte Universität (‘Universidade Antiga’) é un edificio barroco de entre 1712-1728. No seu interior atópase aStudentenkarzer (‘Cárcere estudantil’), cuarto pequeno que serviu de 1778 a 1918 para encerrar os estudantes contestatarios.

Tamén é visitable a Neue Universität (‘Universidade nova’), construída entre 1930 e 1932, que conserva no patio aHexenturm (‘Torre das Bruxas’), único resto das edificacións do séc. XV. Fronte á Universidade atópase a Biblioteca universitaria, construída entre 1901-1905, con copias de valiosos manuscritos. Enfronte, cara ó sur, a Peterskirche (‘igrexa de San Pedro’), edificio gótico do séc. XV.

A Heiliggeistkirche (igrexa protestante) XMLS

A Heiliggeistkirche (igrexa protestante) XMLS

A Jesuitenkirche (igrexa católica) XMLS

A Jesuitenkirche (igrexa católica) XMLS

.

.

.

.

.

.

.

.

.

Detrás da Universidade Nova hai edificios xesuíticos: Jesuitenkolleg (1703) e a Jesuitenkirche ‘Igrexa dos xesuítas’ (1711-1749), construcións barrocas.

Non lonxe da ponte Vella queda a Heiliggeistkirche, igrexa protestante construída entre 1399-1441 polo elector Ruperto III para sepulcro familiar. A torre data de 1508, aínda que remata en estilo barroco.

Pola Steingasse chegamos á Ponte Vella (Alte Brücke), construída por M. Maier entre 1786-1788; está decorada con estatuas e precedida por un arco triunfal que se abre entre dúas torres do séc. XV.

Pasando ó outro lado do río por esta ponte pódese ascender por un paso peonil ó Paseo dos Filósofos(Philosophenwag), desde onde se contemplan espléndidas vistas da cidade e do castelo.

A Ponte Vella sobre o río Necker (XMLS)

A Ponte Vella sobre o río Necker (XMLS)